Xoves. 18.04.2024
El tiempo
09:57
05/10/12

Persoas

Vouvos contar unha cousa. Non sirvo para as persoas. Son incapaz de manter amigos de xeito solvente e permanente, un inútil social que se diría. É algo no que levo meditado longo e tendido e se transcribe ao xeito en que a traizón, entendida como unha creba da confianza, me afunde e me altera dun xeito que so outra cousa é capaz de alterarme. A mentira.

Hai cousas que a vida cotiá e a política comparten dun xeito asombroso. A mentira é unha delas. A vida cotiá se basea en mentiras, pequenas e mais grandes. A política é en si unha pura mentira, baseada na arte máxica de facer que as persoas crean nun aínda cando un mesmo non cre demasiado naquilo que afirma e defende.

Aos comicios do próximo 21 de outubro en Galicia concorren un puñado grande de partidos. 21, ou algún menos nalgunha provincia (non tódolos partidos concorren por tódalas provincias). Aínda que os medios teiman en considerar “viables” só tres desas candidaturas, a realidade é igual de teimuda. Ata seis partidos poderían acadar representación si a fragmentación que varios analistas prognostican termina por concretarse nas urnas. A os PP, PSOE e BNG se unirían a coalición liderada por Beiras e composta por Anova e EU, UPyD e segundo algunhas enquisas mesmo CxG.

Agora ben, é isto positivo?, é negativo? Nin fu nin fa?. Bueno, depende do grao de mentira que un estea disposto a soportar e do hipócrita que se considere. Me explico.

Votar PP é, perdoando, pouco menos que suicida. Non digo que aqueles que voten ao partido de Feijoo o sexan (suicidas), no. Digo que si se trata de votantes maiores de 65 anos, por exemplo, e pensionados, o feito de votar o partido da gaivota lexitima a Rajoy a sacarlles o que considere da pensión e, a día de hoxe, a rebaixa xa vai camiño do 3% (resultado de sumar a desviación do IPC coa non actualización das pensións “insinuada” en varios foros económicos). Si despois eses votantes cobran menos a resposta, na liña de Andrea Fabra, é clara. Que se jodan.

Igual análise para os que aínda pensen que o PSOE é de esquerdas. Os pequechos tamén cren nos reis magos (algúns) pero non os elixen como administradores dos xoguetes. Como moito ofrécenlle leite e galletas. E van que chutan. Pola mesma regra de tres, a quen se lle outorgaron múltiples oportunidades para gobernar como un partido de esquerdas e as ignorou… pois iso. Tarde piache…

O BNG ten fácil balanzo. Non existe. A UPG, unha serie de persoas a titulo individual e aqueles os que lle faltaron arrestos para consumar a ruptura a que induciron a outros non se pode considerar un “bloque”. Como moito un adoquin.

Así que, chegados a este punto, as opcións están claras. Ou ben votar a calquera que non sexa o PP (o mais sensato) ou ben facer mutis e quedar na casa, algo que tampouco recomendo porque o peor que alguén pode facer e dimitir de aquelo único o que ten dereito en política. Desaloxar os mentireiros e impedir que os embusteros accedan a poltrona. Dúas cousas que so se poden conseguir votando. O derrotismo, o frentismo e a desidia son argumentos da dereita nestas eleccións e quedar na casa e propio dos electores do PP desencantados (ía sendo hora) e dos nacionalistas sorprendidos (madía leva). Vote a que vote, vaia votar. Pero non se suicide, faga o favor.

A mentira soe adoitar tantas caras como a traizón. Feijoo, un consumado mentireiro, vive nestes comicios e se fará forte sempre que a sociedade galega, a mais hipócrita, proscrita e analfabeta segundo un bo puñado de analistas, deses sisudos que falan pola televisión de Santi Rey, non faga saber da súa vontade en contra.

E remato. A Kneset é o parlamento israelí. Un país con profundas dificultades derivadas do conflito armado no oriente medio pero de sobrada solvencia económica e estabilidade política. Dende a creación do estado israelí no 1948 só se produciron dúas mocións de censura, a violencia interna é practicamente nula e a política é a 8ª preocupación para os seus cidadáns segundo unha enquisa gobernamental recente.
120 deputados compoñen a Kneset… repartidos en 12 partidos.
O mais votado, Kadima, conta con 28 escanos e o seguinte, o Likud, con 27. Os demais, todos, contan. A maioría de goberno obriga a pactos, a consensos, a debate e a entendementos amplos. Nada de sectarismo, nada de bipartidismo interesado.

Pregunto. Ula solidez dunha maioría absoluta? Ula sensatez dun goberno elixido por tres de cada dez? É iso unha maioría?. En que universo?

Pero, que saberei eu. Non sirvo para as persoas. Son incapaz de manter amigos de xeito solvente e permanente, un inútil social que se diría. Así son eu.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios