sábado. 10.05.2025
El tiempo
08:34
10/01/11

Sabedes que?? Aí vos quedades!!!!

Sabedes que?? Aí vos quedades!!!!
Moito se fala do especial que resulta o Nadal, da importancia da unión familiar nestes días nos que, por diversos motivos, todos nos sentimos un tanto melancólicos, ou nostálxicos do tempo e as persoas. Son datas onde todos tratamos de xirar en armonía en torno a mesa, onde intentamos facerlle sitio aos mazapáns e aos comentarios de aqueles parentes que sempre resultan tan “pesados”. Todos sabemos que nestes días se discute máis co irmán, o cuñado ou os pais, pero é normal que así sexa, porque o resto do ano, cada un vive a súa vida, e trata de non tropezar co que en outra ocasión non o saudou”correctamente”. O Nadal é así, reunímonos, cos seres queridos, e especialmente na Costa da Morte dáse un caso peculiar, que polo estresante que resulta é polo que máis me gusta. En Galicia a maioría das casas de aldea quedan baleiras de novas xeracións, xa que estas, durante décadas, marcharon a traballar fóra, e alí formaron familia e construíron o seu camiño. Pero sempre volven a canda o turrón, e fano con fillos, mulleres e homes, a instalarse durante uns días na casa dos pais, que se senten tan felices cando eles chegan, como aliviados cando estes marchan. Cando comezan a chegar “os de fóra”, todo é alegría, picase un xamón, moitas apertas, e sorrisos, e así van chegando, uns detrás de outros, e a felicidade aumenta, porque a casa volve a estar chea, e os avós/pais/sogros, volven a estar acompañados. Todos felices e contentos sentámonos á mesa para desfrutar dunha cea, que aventuramos será como outros anos. Todos están listos para intentar contra argumentar ao tío que fai súa a teoría que leu no ultimo libro mercado, ou ao político que cada ano está máis revolucionario en palabras e máis burgués en actos. Pasouse a primeira cea con éxito, e chega a noite seguinte, onde a familia xa leva convivindo 48 hrs. aproximadamente e como non? chega a política. O anfitrión da casa, que acostuma a ser o avó, preside a mesa coa mellor disposición, pero a cada lado atópanse fillos, sobriños ou netos que se enganchan nunha discusión política. Todos queren arranxar o mundo, todos din o mesmo de distinto xeito, pero berran tanto que non se escoitan. O anfitrión vai mudando o rostro, pedindo que cambien de tema, que baixen o ton, que o están aturulando, pero os parentes continúan o debate apaixonado, onde o importante é lucir coñecementos e non atender á razón. O avó estase poñendo azul, e vémolo dende o outro extremo da mesa con certa compasión, ata que se cansa e con moi pouco espírito "navideño", levántase da mesa, colle a súa cadeira en alza e dille moi baixo, pero con moita contundencia: Sabedes qué? Aí vos quedades!!!... E vaise sentar ao outro extremo. E todos escachan a rir, porque ese é o espírito de unión familiar onde da discusión, se pasa a risa, e da risa ao choro aliviado dunha despedida, dun recordo inmortal ata o vindeiro ano, duns días diferentes ao resto, e iguales a si mesmos. Ese é o Nadal, unha escusa para reunirnos cos que non topamos durante 11 meses e votamos de menos outros tantos.
  • Susana Alvite (susanaalvite[arroba]quepasanacosta.gal).
  • Soliloquios anteriores

    Novas relacionadas

    Fonte

    • Redacción de QPC (info@quepasancosta.com).

    Comentarios