Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Chema Rei
23:20
12/01/15

Aqueles anos no Balsiño

Aqueles anos no Balsiño
Baio alevin do 1983

Na miña casa sempre houbo ambiente de fútbol, sobre todo, do Fútbol da Costa. Meu avó foi nove tempadas presidente do Baio e meu tío Cheíto xogou bastantes anos, pero eu era moi pequeno e non me acordo diso. O que si lembro é o campo do Balsiño ateigado de xente domingo tras domingo, e ese era o meu escenario preferido das fins de semana. Véñenme á memoria, agora que estou repasando os últimos datos do libro da Historia do fútbol da Costa, as emocións que alí se vivían e como cambiaron os costumes: antes a xente acudía aos campos e agora prefire a comodidade do fútbol televisado. En fin?

Un, que sempre tivo gusto polo balón, fartábase de neno a xogar no pedregal do Campo do Rollo, diante das vellas escolas “costeadas por el pueblo”, e despois nas pistas do Labarta Pose, e cando remataban as horas lectivas baixábase a xogar á pista de Muíño. E logo estaban aqueles míticos partidos na Piroga, no inclinado campo do señor Antón: dous contra dous, ou tres contra dous e porteiro dianteiro…

Pero o que eu agardaba sempre era o domingo que había fútbol no Balsiño. Con escasos dez anos xa ía a pé ou en bicicleta (a quen se lle conte hoxe!) pola beira da estrada. Se chovía xa había que recorrer ao coche de meu avó para ir. E alí estaba, no Balsiño, no Estadio Morgade que poñía no frontispicio da entrada (daquela non sabía por que tiña dous nomes o campo, despois souben que o de Morgade era pola familia que doara o campo). E nestas chegou a histórica tempada do club baiés, a 82-83, coa fichaxe duns fisterráns moi bos. O Baio empezou a gañar partidos e o Balsiño cada vez se enchía máis, había unha febre de fútbol na vila por culpa dun tal Manín que facía que os baieses xogasen como nunca. A miña gran lembranza desta tempada foi a visita do Soneira no partido decisivo: non cabía unha palla no campo, a xente rodeaba con varias fileiras o bordo do recinto, subía polos valados para poder ver... e os rapaces buscando oco ata colocarnos na primeira fila ou no covo (que era a delimitación entre a liña de banda e o público). E gañouse a Liga e a Copa... e subiuse á 1ª Rexional... e despois á Preferente. O equipo do farol vermello!

Se animadas eran as tardes no Balsiño, tamén o eran cando íamos xogar fóra e meu avó dispuña levarme no seu coche. As visitas ao Cubaleiro, ás Raíces (con visita obrigada ao bar de Rogelio de Cuncheiro), ao Carreiro xallés ou ao Municipal pontecesán eran verdadeiras excursións. Moito me gustaba ir a Ponteceso, parecíame un campo de categoría, cos seus aros olímpicos na entrada, e alí vin a primeira final da Copa da que teño recordos: un Ponteceso-Atalaia, que gañaran os locais. Co Baio en categorías superiores, os domingos xa se planificaban na casa en función de onde xogase o equipo e alá se ía, nós en coche particular para aproveitar a viaxe e visitar a vila e os arredores... Tanto tiña Padrón, coma A Pobra do Caramiñal ou Burela, o caso era ir. Estas vilas cos seus campazos e o Baio co Balsiño, meu galano!

Sebe de Evaristo

Pero ningún deses campos das grandes vilas como Padrón, a Pobra ou Burela (co permiso do Carreiro de Santa Comba) tiña o encanto de estar feito coas mans dos veciños, coa sebe de salgueiros de Evaristo de Pascua, co calderín da auga quente, bancadas de madeira, co palco de autoridades... cunha vila enfervorizada que os domingos acudía en masa ao Balsiño. Son recordos dun tempo no que as emocións colectivas se xuntaban nunha leira que prestara unha veciña para que xogasen os rapaces de Baio. Hoxe o mundo avanzou moito pero aquelas emocións nunca serán televisadas.

”Son recordos dun tempo no que as emocións colectivas se xuntaban nunha leira prestada”.

  • Chema Rei Lema. Filólogo e Presidente do CD Baio.

Novas relacionadas sobre a historia do Fútbol da Costa

Chema Rei, co seu tío Xosé María Lema Suárez, tamén colaborador de QPC, presentarán este trimestre a publicación dos "Cincuenta anos da historia do fútbol da Costa", unha verdadeira enciclopedia desta mítica Liga da fin da terra, a única que mereceu figurar en dúas historias do fútbol galego: a de Anxo Varela (Lea 1997) e a de Carlos Freire (Xerais, 2012).

Estes son outros artigos relacionados co deporte costeiro.

Fonte

    • Artigo publicado en La Voz de Galicia (11-01-14).

Comentarios