Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Chema Rei
09:36
21/07/15

Un home que come lume polo fútbol: José López Marcote ‘Manín’

Un home que come lume polo fútbol: José López Marcote ‘Manín’
Manin sentado no banco de Riazor no partido do Prestige

Acábase de anunciar estes días a volta aos bancos da Costa dun dos vellos rockeiros do noso fútbol: José López Marcote ‘Manín’. Será ao banco do Muxía CF, club no que xa estivera en dúas etapas anteriormente. Retirado (?) xa Manolín, o técnico máis veterano é o fisterrán José López Canosa, que no banco do CF Dumbría cumprirá os 67 anos de idade; catro anos máis novo é o seu veciño Manín. Con 63 anos, presenta este un currículo de equipos e títulos como adestrador ao alcance de moi poucos. En base ao que publicamos no noso libro dos 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) imos facer aquí un pequeno resumo da súa traxectoria aproveitando a súa volta aos bancos da Costa.

Deixamos de lado a súa prolífica e brillante carreira como futbolista, que podedes contemplar tamén no noso libro, en equipos coma o Fisterra, Lira (na Copa Ría de Muros), Galicia de Mugardos (cando fixo a mili), Noia, Lugo, Noia, Fisterra, Corcubión, Lira, Cee, Baio, Cabana, Cee, Soneira, Corcubión e Baio, onde colgaría as botas.

Pero antes de retirarse como futbolista, Manín xa iniciara a súa carreira como adestrador, pois en moitos destes clubs que citamos anteriormente alternou as dúas tarefas. Contáronnos algúns directivos do CD Baio de comezos dos oitenta, que querían acabar co sambenito de seren o equipo do “farol” e conseguir por fin algún título, e consideraron que dada a boa fornada de xuvenís que había neses últimos anos ese era o momento, polo que decidiron que se alguén os podía facer campións ese era Manín. Este xogara na temporada 81-82 na Preferente co UC Cee, nun dos mellores equipos ceenses da súa historia (e historia fixeron aqueles oito goles que lle marcou ese ano ao Ribadeo nas Raíces ¡¡en Preferente!!), a piques de subir á 3ª División. Os directivos baieses, encabezados polo lembrado Julio Díaz, case lle puxeron un cheque en branco para que fichase polo Baio para a temporada seguinte como xogador-adestrador. O fisterrán non se tirou ao mar sen salvavidas e quixo primeiro vir coñecer os xogadores dos que disporía; vistos os xogadores aceptou completando o equipo con algún veciño seu. A conxunción non puido ser máis exitosa, pois o CD Baio gañaría nesa temporada a Liga da Costa e a Copa da Costa. Para o club baiés a presenza de Manín supuxo un antes e un despois na súa historia, pero cremos que tamén se deu o caso contrario, e a lenda de Manín como adestrador comezaba aquí a escribirse.

Manin cos xogadores Baio 82-83

Continuaría o fisterrán no Baio a temporada 83-84, conseguindo o subcampionato na 1ª Rexional e un histórico ascenso á Preferente, e foi finalista da Copa da Costa tras perder na prórroga unha final co Laxe, cando os baieses gañaban 0-2 a falta de doce minutos. Seguiría no banco baiés na temporada 84-85 na Preferente, e a pesar da boa traxectoria do equipo (acabou 7º), Manín abandona o equipo a falta dunhas xornadas para o final, por discrepancias coa directiva. Esa mesma temporada ficharía para a Copa da Costa polo Cabana SD, equipo que fora 6º no Grupo Norte da 2ª Rexional, pero na competición copeira chegou á final, perdéndoa no lanzamento de penaltis ante o Malpica (que fora o campión do seu grupo ligueiro).

A temporada 1985-86 supuxo unha paréntese e volveu Manín a ser simplemente xogador, novamente no UC Cee da Preferente. Será na 1987-88 cando volva ser xogador-adestrador, neste caso na SD Soneira, equipo que aspiraba a gañar a liga costeira da 1ª Rexional, pero os resultados non acompañaron e acabaron no 7º posto; Manín fichará esta temporada como xogador da UD Corcubión de Manolín para xogar a Copa da Costa, conseguindo o título ante o Laxe. Manolín fichará para a vindeira campaña como míster do Baio, e Manín queda á fronte do equipo como xogador-adestrador. E cun dos presupostos máis baixos da categoría conseguiu gañar a Liga da Costa, aínda que non puido refrendala co ascenso á Preferente ante o campión do grupo santiagués, o Noia, que se impuxo na promoción. Con todo, o Corcubión daríalles unha nova alegría aos seus seareiros ao gañar a Copa da Costa sen perder ningún partido (iso si, empatou seis dos oito encontros que disputou), e na final impúxose ao Laxe no lanzamento de penaltis, quenda na que o propio Manín erraba o seu disparo, o que fixo que chorase desconsoladamente, mais a intervención decisiva do porteiro Lois deulles o título aos corcubioneses.

Como se fixo habitual nestas tempadas, o CD Baio fichaba o adestrador que gañara algún título, polo que o dobrete do fisterrán era motivo máis que sobrado para que se fixese cargo de novo do banco baiés, que volvía á Liga da Costa logo do descenso voluntario desde a Preferente. Nunha competida liga os baieses só puideron ser terceiros, e na Copa da Costa quedaron sorprendente fóra nos Cuartos ante o Ponteceso, polo que Manín non continuaría no decano da Costa.

Haberá que agardar ata a Copa da Costa da tempada 1991-92 para velo de novo nun banco, e será no equipo da súa vila, o Fisterra, que viña de ser subcampión ligueiro fronte ao todopoderoso Cee, nun man a man que os levara a altas cotas goleadoras. Adestraba os fisterrán Juan Ramón Lobelos, pero para a Copa fíxose cargo Manín do equipo, e fixo un excelente torneo… ata que se cruzou o Cee nas semifinais. Na campaña 1992-93 vai volver ao Cabana SD, neste caso só como adestrador, e loitará polo título da 2ª Rexional co veciño Nantón, que será ao final o que saía coa súa. Na Copa da Costa, magnífico torneo... ata que se cruza nas semifinais co Cee da 1ª Rexional, que só o pode derrotar na prórroga cunha boa dose de goles e polémica.

Na 1993-94 volve, nunha segunda etapa, á UD Corcubión, que competía nunha reformada 2ª Rexional, na que obtivo unha meritoria 6ª posición, lonxe do descenso; e magnífica actuación na Copa da Costa chegando ás semifinais, onde o Camariñas da 1ª Rexional os eliminou con dous goles no desconto que evitaron a prórroga. Este ano, ademais, Manín conseguía co equipo xuvenil corcubionés, non só gañar o seu grupo costeiro, senón o ascenso á Liga Galega e mesmo chegar á final da fase de ascenso, na que perderían co Chapela redondelano.

Manin co Corcubion xuvenil 93-94

Na temporada 1994-95 o Xallas CF formara un equipo para gañar a Liga da Costa, coas fichaxes dos muxiáns Weri e Papi (xa na Copa anterior) e as dos fisterráns Miculita, Pituso, Noé e Isidro, todos eles comandados por Manín. Con iso e todo, o Xallas perdería a Liga pola golaveraxe fronte ao Lira. Os fisterráns abandonan o Xallas e van disputar a Copa deste ano no Ponteceso, e as casualidades quixeron que o seu primeiro rival fose o Lira, ao que eliminaron cobrando o desquite, pero sorprendentemente foron eliminados polo Corcubión despois de caeren goleados na ida. Manín seguiu adestrando o Ponteceso na temporada 1995-96, pero os malos resultados parece que foron a causa do seu despido ao pouco de comezar a liga. Cambia do norte para o sur, e na campaña 1996-97 vai fichar polo Muros SD da 3ª Rexional, conseguindo o ascenso á 2ª Rexional. Continuará a vindeira tempada nesta categoría, salvándose o equipo sen problemas do descenso, e facendo unha boa Copa da Costa, na que foi eliminado en Cuartos polo Fisterra da 1ª Rexional.

Na temporada 1999-2000 inicia a súa terceira etapa na UD Corcubión, que acababa de descender á 3ª Rexional. Nunha igualada liga o Corcubión conseguía o título por diante de Dumbría e Porteño e ascendía de novo á 2ª Rexional, categoría na que continuaría a temporada seguinte. Na campaña 2003-04 Manín vai estrear equipo: o Muxía CF, que militaba na 3ª Rexional; e a pesar de non contar como un dos favoritos, o equipo muxián vaise proclamar campión de liga e ascende á 2ª Rexional. Novo equipo na 3ª Rexional na temporada 2005-06: o Unión Vimianzo, co que remata na zona media da táboa. En 2008 volve de novo ao Muxía, nunha segunda etapa que non foi boa, pois non tarda en marchar por diverxencias coa directiva. A súa última presenza nos bancos costeiros veu da man do Corcubión, que na temporada 2010-11 contou con el para devolvelo á 2ª Rexional, reto que conseguiu, polo que lle foi renovada a confianza para a 2011-12 na liga costeira, conseguindo unha meritoria 10ª praza. A pesar disto, non continuou no equipo corcubionés, e a súa figura quedou apartada dos bancos, aínda que el nunca se arredou do fútbol costeiro, e dunha forma ou doutra permaneceu ligado á Liga da Costa.

Durante todos estes anos era de adoito velo sendo o seleccionador de diferentes combinados do fútbol da Costa que disputaban distintos partidos amigables, e no lembrado partido de Riazor a beneficio dos damnificados polo Prestige foi, xunto con Manolín, o seleccionador do equipo costeiro.

Facendo resumo, Manín pasou polos bancos de dez equipos da Costa, nalgúns deles repetiu, incluso máis dunha vez, destacando as temporadas que botou na UD Corcubión (seis) e no CD Baio (case catro). Nestes anos como adestrador conseguiu 4 Ligas (Baio, Corcubión -2- e Muros), un subcampionato de 1ª Rexional e outro de 2ª Rexional, e dous ascensos de 3ª a 2ª Rexional. Foi campión 2 veces da Copa da Costa (Baio e Corcubión –as dúas con “dobrete” incluído), foi finalista noutras dúas ocasións (Baio e Cabana), e noutras tres chegou ás semifinais.

Agora chégalle unha nova oportunidade no Muxía CF, que a bo seguro ha de recibir coa mesma ilusión que aquel rapaciño que saíu de Fisterra a demostrar o seu fútbol polo mundo adiante, porque como o definiron algúns dos seus xogadores da súa primeira etapa no CD Baio, Manín é “un home que come lume polo fútbol”.

  • Xosé Mª Rei Lema / Xosé Mª Lema Suárez, Autores de 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014).

Novas relacionadas

Artigos de Chema Rei no Balón de coiro

Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa

Fonte

Comentarios