Repasando o PIB dos Concellos QPC
18:11 30/12/14
O Instituto Galego de Estatística acaba de publicar os datos máis actuais dispoñibles sobre o Produto Interior Bruto (PIB) dos nosos concellos. A información sobre esta variable macroeconómica é relevante, xa que indica o volume de actividade que realizaron as economías domésticas, empresas e administracións públicas, producindo bens e servizos finais durante o ano 2012.
A medición do (PIB) pode calcularse de diferentes maneiras. O enfoque da demanda considera a suma de todos os gastos finais destinados ao consumo, a investimentos e, ten en conta tamén, o gasto público máis a diferencia entre exportacións e importacións no interior dun territorio concreto.
Sen embargo, a metodoloxía de cálculo seguida polo IGE fundaméntase na oferta, de tal maneira que se contabilizan todos os valores engadidos das actividades de produción de bens e servizos, máis os impostos minorados polas subvencións sobre eses produtos.
En calquera caso, independentemente da forma de cálculo utilizada, o que convén lembrar é que un PIB elevado non implica necesariamente maior calidade de vida dos veciños, senón que se está a referir a una maior actividade económica nun territorio, sen máis. O exemplo típico é que si nun concello hai un bosque e se venden as árbores para madeira, aumentaremos considerablemente o PIB do municipio, pero, obviamente, desaparecerá o bosque.
Ademais de ofrecer o dato agregado por Comarcas (xa comentado neste diario dixital), o IGE calculou o PIB municipal por habitante.
O PIB por habitante de Galicia en termos de media aritmética está nos 19.599 €. Cifra superada tan só por 14 concellos da provincia de A Coruña entre os que se atopan 2 dos nosos municipios: Dumbría (25.646 €) e Cee (24.607€).
Unha das conclusións do estudio do IGE é que os concellos con tecido industrial consolidado, próximos a grandes núcleos e con boas comunicacións son os que maior PIB acadaron, xunto con aqueles outros nos que radican importantes grupos empresariais, como sucede nos termos municipais de Dumbría e Cee coas fábricas do Grupo FerroAtlántica, S.A.
Moi lonxe da cifra media galega, están os concellos de Fisterra (9.859 €), Cabana (9.867 €) e Laxe (10.043 €), que son os 3 municipios con menor PIB per cápita da nosa área de influencia. Os concellos de Coristanco (10.186 €), Carnota (10.455 €) e Muxía (10.880 €), non chegan aos 11.000 € por habitante, cifra que é superada por todos os demais, pero que non obstante representa o 56% da media rexistrada no conxunto de Galicia, evidenciando deste xeito unha delicada situación económica que urxe corrixir.

- Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.gal). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
Novas relacionadas
Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra
- Facturas no caixón.
- Débeda viva a 31/12/2013.
- Solvencia financeira municipal.
- Os concellos e a crise.
- Reposición da legalidade urbanística.
- Loito por culpa do mar.
- Remanente de tesourería.
- Eficacia recadatoria.
- Oportunidade perdida.
- Gasto de persoal.
- Rendición da conta xeral.
- A Conta Xeral.
- A contribución.
- Cuestión de confianza e moción de censura.
- Débeda municipal.
- A prórroga do orzamento municipal.
- Presión fiscal dos nosos concellos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).