Reposición da legalidade urbanística
O urbanismo está vinculado ao progreso social e económico dos concellos, porque afecta á convivencia cidadá e inflúe nas finanzas municipais.
Como se mesturan os intereses particulares dos cidadáns co interese xeral, debe ser tutelado pola Administración Pública. De aí que, para contribuír a protexer o territorio, como se informou recentemente neste diario, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ordenara a demolición de determinadas obras ilegais, nalgúns dos nosos concellos.
Ademais da innegable dimensión social, afirmamos tamén que a actividade urbanística contribúe á economía municipal. Efectivamente é así. Nos ingresos, a través dos impostos sobre bens inmobles; sobre construcións, instalacións e obras; sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana; e mediante determinadas taxas (licencia urbanística e informes urbanísticos, por exemplo).
Así mesmo, ten importantes efectos no gasto orzamentario, singularmente en materia de persoal (arquitectos, aparelladores, outros técnicos e policía urbanística), e nos custes derivados do proceso de urbanización (acondicionamento de camiños, subministro de auga, recollida de lixo, sumidoiro, electrificación, etcétera).
Con todo, e ao marxe destas repercusións tributarias e financeiras, o urbanismo ten unha importancia transcendental nos concellos porque actúa sobre un recurso escaso, limitado e dificilmente renovable: o solo.
Por iso, debemos aspirar a unha ordenación racional do espazo, evitando a degradación da paisaxe, preservando e consolidando a nosa identidade territorial. E, por iso, aplaudimos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que obrigou aos infractores a demoler o ilegalmente construído, forzando a súa execución mediante multas ata restaurar a legalidade perturbada.
Por certo, a día de hoxe, tan só están integrados nesta axencia os concellos de Cabana (DOG 18/10/2013), Carballo (DOG 15/11/2012) e Ponteceso (DOG 24/05/2013). Tal vez, sexa bo momento para que o resto dos nosos concellos se adhiran. Porque, delegando ou transferindo as facultades de inspección, a impunidade dos infractores, seguro, será menor.
- Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
Novas relacionadas
- 31-03-14: A Xunta anuncia a demolición das 3 casas ilegais de Mar de Fóra.
- 03-03-14: Dous hoteis ilegais demolidos en Muros.
Outros artigos de Domingo Guerra
- Loito por culpa do mar.
- Remanente de tesourería.
- Eficacia recadatoria.
- Oportunidade perdida.
- Gasto de persoal.
- Rendición da conta xeral.
- A Conta Xeral.
- A contribución.
- Cuestión de confianza e moción de censura.
- Débeda municipal.
- A prórroga do orzamento municipal.
- Presión fiscal dos nosos concellos.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).