Volver a votar
O pasado día 3 de abril cumpríronse corenta anos das primeiras eleccións municipais do vixente período democrático. E agora, como cada catro anos, chegou o momento de volver a votar. A votar coa ilusión que provoca sempre a política local.
Unha das principais diferenzas respecto de outros referendos é que tanto os candidatos á alcaldía como os votantes coñecémonos persoalmente. Convivimos xuntos. E coñecémonos ben porque somos poucos, demasiado poucos e cada vez menos: as taxas de natalidade son as que son, o envellecemento é o que é, e a lacra da emigración cara outros lugares tamén é un problema que urxe resolver.
Outra característica destas votacións é que somos nós os que eliximos directamente aos concelleiros, a diferencia do que ocorre cos ministros ou conselleiros que son designados polo presidente do goberno central ou autonómico; ou como sucede co presidente da deputación, que tampouco o eliximos directamente nós. Aí radica a grandeza das eleccións municipais. Eliximos nós, de entre nós, e para que nos gobernen a nós.
Precisamente, neste espazo de opinión, intentamos contribuír ao coñecemento da situación económica actual dos nosos concellos describindo cuestións fundamentais sobre finanzas públicas; explicando en que consisten as variables básicas da execución do orzamento; presentando datos diversos que abranguen desde o nivel de endebedamento, pago a provedores, excedentes de liquidez ou autonomía fiscal ata informar sobre a obrigatoria rendición de contas, elemento esencial da democracia. E todo, coa finalidade de que o lector dispoña de datos para formar o seu propio xuízo de valor.
Trátase dun compromiso que adquirín con este medio de comunicación e con todos vostedes. Porque, necesitamos información fiable. De calidade e obxectiva. Incuestionable. Nada que ver cos datos difundidos con vontade deliberada de confundir (fake news). Xa que, cando a información veraz se comparte, activamos un mecanismo de control que permite «premiar aos bos e castigar aos malos».
Fóra da confrontación electoral e coa incerteza lóxica de «que pasará na costa», quero transmitir a todos os que se presentan ás eleccións municipais sorte e éxitos. Por certo, en Muros, na miña terra –como na miña casa–, mandará unha muller. Non é unha fake new.
- Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.