Cando se apaga o mundo, acéndese o esencial

A fonte de Sofán, en Lira

Cando se impón recuperar a auga da fonte, o lume auténtico nos fogóns e as candeas para iluminar o encontro ao redor da mesa, a experiencia convértese en rito sen planificalo: unha reconexión co esencial que non nace da nostalxia, senón da necesidade.

Tres elementos primixenios, tres símbolos da autosuficiencia e do encontro comunitario.

Recuperar a auga da fonte é volver ao corpo, á natureza, á interdependencia. É lembrar que a auga non sae da billa, senón da terra e que beber e lavar implica camiñar, anicarse e agradecer.

O lume auténtico nos fogóns é volver ao ritmo lento, á atención ao proceso, ao saber das mans. É recuperar o tempo da cocción como tempo da vida compartida.

As candeas para alumear as conversas é crear un espazo simbólico onde a palabra se volve íntima, onde os rostros se miran doutra maneira, onde o silencio tamén fala.

Oxalá non volvamos acender a luz sen levar con nós esta memoria. Oxalá podamos manter viva esta chama simbólica sen esperar ao próximo apagón.

 

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco