A carreira de fondo do cambio
Despois de dous meses de mobilizacións no conxunto do país polo desmantelamento do sistema educativo, especialmente no rural e nos recursos humanos dedicados á atención á diversidade, a sensación, fronte a un goberno cunha desafogada maioría e sen ameazas electorais no horizonte, é de ter conseguido, no mellor dos casos, apenas unhas migas, unha esmola a modo de punto e final para desinchar os folgos do clamor popular, mentres a realidade de fondo apenas se moveu. As familias e profesorado van esgotando os seus ánimos fronte a unha administración xorda e testaruda.
Neste momento cómpre ter presente que o cambio é un proceso complexo e lento que require de acción colectiva cun esforzo sostido e perseveranza para sobrevivir como voz no deserto, ser escoitados por outras que podan sumarse á loita e superar barreiras e desafíos.
O ritmo lento dos logros pode vivirse dun xeito frustrante e desmoralizador. Ás veces fai sentir que a acción é inútil e que o obxectivo está fracasando. É preciso reformular esa visión. A transformación social ocorre gradualmente, a pesar da expectativa inicial de resultados rápidos.
Para ir máis aló, a vontade de cambio ha de contaxiarse, debemos levantar o veo de mentiras, manipulación e control que mantén á maioría na comodidade do status quo.
Esta aparente comodidade é preferible ao proceso incómodo da loita social. Somos condicionados dende o berce, a través de anos de adoutrinamento, para aceptar a orde social e a distribución de recursos tal e como se nos presenta.
O verdadeiro poder para a transformación no social reside nun movemento de cambio de consciencia de base. Cómpre conquistar a neutralidade, as potenciais simpatías, as opinións diverxentes, contar co apoio dunha maioría cada vez maior e implicalos no proceso de reivindicación e cambio. Iso ou agardar, destas volta varios anos, ao ilusorio cambio da seguinte presión electoral.
- Ester Vázquez, nai de Carmela, Martiño e Uxío.