Guión para unha historia de zombies
![Rodaxe Walking Dead en Carnota](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2024/12/06/2024120610113714790.jpg)
Unha produtora americana roda impunemente durante varias semanas nun espazo protexido da Rede Natura, ZEC e LIC. Unha produtora americana consigue permisos para meter vehículos e maquinaría pesada nos areais e o seu ecosistema natural próximo; escavar alterando a paisaxe da ribeira; arrancar especies vexetais, alterar a forma e equilibrio dun ecosistema delicado e protexido.
É faino co simbolismo dunha potente metáfora: a do zombie. A ocupación colonial da terra non é nova, como tampouco o son os efectos que este tipo de accións teñen sobre o terreo e as comunidades que se ven afectadas por elas. Permitir a agresión á paisaxe crea zombies como encarnación da violencia ecolóxica perpetrada.
Os zombies que emerxen son unha expresión directa do trauma ecolóxico. A paisaxe, antes soberana e fecunda, unha vez contaminada, convértese nunha ferida traumática no medio, encarnada nos restos dun veleiro náugrafo; nunha franxa estéril pechada á vida e vendida á carnicería das ordas zombies.
Os non mortos que pululan pola paisaxe expresan a ruptura no tecido socioecolóxico. A agresión consentida á paisaxe crea unha cidadanía zombie que habita unha paisaxe morta, tamén contaxiada da infección. Incapaces de reunir a forza vital para reclamar a hexemonía da poboación nativa sobre a terra que habita, súmanse a golpe de selfie ao exército morto.
A metáfora do zombie permite unha lectura simbólica da destrución do medio e das súas repercusións para os que viven nas proximidades. O zombie é a manifestación da fractura do equilibrio ecolóxico. Os mortos vivintes son unha imaxe da paisaxe física e ideolóxica, da vasalaxe aos imperativos dos poderes económicos. Os mortes vivintes ocupan un escenario de xeito colonial, configurando unha metáfora do mundo do consumo ao redor do cine, do liberalismo e do trauma histórico.
A cidadanía e os gobernos zombies son responsables dos efectos socioecolóxicos na paisaxe. A rodaxe en zona protexida é representativa da explotación colonial ecolóxica e do mal uso dos recursos naturais na procura de lucro.
Nun xiro do guión, sería preciso acadar o antidoto que nos faga conscientes da responsabilidade e nexo coa terra que habitamos, unha especie de cura, de consciencia, reinicio ou restablecemento do ecosistema superando a ferida traumática da paisaxe colonizada. O ambiente traumatizado debe reincoporarse ao fluxo da vida; a cidadanía zombificada debe comprometerse nun propósito reparador.
O antídoto de conciencia social debe permitir volver a un equilibrio anterior á traumática infección que permitiu a separación da cidadanía do ecosistema que habita. Só un retorno a ese equilibrio ofrece a oportunidade de construír un futuro diferente. Os supervivintes á apocalipse zombie terán que construir o futuro posterior ao brote, que ha de xurdir necesariamente dunha reconfiguración da relación coa terra que habitamos.