Venres. 19.04.2024
El tiempo
Hector Pose
12:46
18/04/12

Un Mar de Paixón: Un proxecto…, xa traxecto

Un Mar de Paixón: Un proxecto…, xa traxecto

Xa presentamos as pasadas semanas o proxecto O fútbol na Costa da Morte, un mar de paixón. Un proxecto que nace dende Malpica para amosar a cara máis social do fútbol costeiro. Un dos seus promotores, Héctor Pose, será o encargado de irnos presentando os avances deste proxecto en primeira persoa.

Sen máis, deixámosvos con Héctor Pose e o seu mar de paixón.

Un proxecto…, xa traxecto

Acincados por moitos, sobre todo, co gallo da Apublicación “SCD Malpica, 40 anos de fútbol”, aquí imos de novo. Ambos movidos por motivacións distintas mais necesariamente complementarias. Escribir o que, a pouco de que o tempo traballe unhas lúas máis, xa non poderá escoitarse. Moitos dos protagonistas do fútbol na Costa da Morte (poñédelle as cancelas xeográficas que vos preste), van esmorecendo, nomeadamente a súa memoria e cómpre recoller as súas testemuñas. De aí que nos botemos Luís Porto e máis, como lle gusta fachendear a el, o seu sobriño, ás estradas e rúas dun territorio mítico e abranguente. A carón do mar ou sobre os valados das terras da Soneira interior.

Un dos primeiros en abordar é Rogelio Martínez Castiñeira, “Roxelio”. Agárdanos el e, tamén, o seu sobriño, na fermosa aldea de Coendes, a medio camiño entre Laxe e Baio. Así ten o corazón deportivo dividido este sexaxenario Roxelio, socio de ambos clubes. De ollada limpa e falar entrecortado, deixase preguntar. E lembra este directivo durante 30 anos do SD Laxe a Martín, Bodello, os irmáns Tinolos, a Ubelino ou Sindo…”O fútbol deume amistades, ledicia e levoume a coñecer as cercanías lonxanas”. Espalla pola mesa de ule carnéts de seareiro, fotos de éxitos e unha placa da homenaxe que lle brindaron hai pouco…”Ver á xente unida e disfrutando: velaí o meu soldo”. E rí, malia que leva con certo pesar a incipiente carreira arbitral de quen escoita atento e en silencio ao seu carón tantas lembranzas.

De volta na casa, ordeno o material que me presta este solteiro que lle deu ao Laxe o tempo que non tiña a quen dar. Biografías así poboan as terras que van de Caión a Noia, de Malpica a Santa Comba. Cómpre atopalas e darlle a oportunidade de poñelas en valor. Niso estamos, empezando…

  • Héctor Pose.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios