Mércores. 17.04.2024
El tiempo

A historia tende a repetirse

A historia tende a repetirse

O outro día botaron Rambo III na BBC (canle pública inglesa), película xa algo vella que aproveitei para practicar o meu inglés (americano). No contexto da invasión soviética en Afganistán no ano 78, un dos últimos escenarios da chamada guerra fría, un oficial estadounidense é feito preso polos soviéticos e finalmente liberado por Rambo. Por tanto, os bos sonche os americanos e os malos os soviéticos, creo que nada especial nisto.

O que me chamou a atención foi ver quen eran os aliados de Rambo na liberación do coronel Truman. Uns afganos chamados na película ‘muyahidines’ e vestidos como nos amosaran na televisión aos talibanes e o propio Osama Bin Laden, coas súas túnicas brancas e longa barba cabalgando polas montañas da fronteira con Pakistán. En realidade, isto tampouco é nada novo xa que ben documentadas están as alianzas entre afganos, incluido o propio Osama Bin Laden, e os americanos nos anos 80 dados os comúns intereses antisoviéticos. Nembargantes, a historia pronto esquece as vellas amizades e no 2001 Osama Bin Laden reivindicaría os atentados do 11-S en pleno corazón dos EEUU, quen no 2012 reivindicaron a morte do propio Bin Laden en teórica situación de combate.

Estas últimas semanas estamos a vivir o que podería xa calificarse de resurximento da guerra fría coa crise de Ucrania. Máis concretamente, Rusia desprazou as suas tropas polos territorios máis orientais de Ucrania, unha rexión chamada Crimea e de maioría prorusa, teóricamente debido ao seu desexo de emancipación de Ucrania e certa ‘anexión’ a Rusia. Ademáis, existen serias ameazas dunha extensión do conflicto a zonas máis occidentais de Ucrania como estamos a presenciar nestes últimos días.

Facendo analoxías e pensando nas estratexias xeopolíticas implementadas por o governo dos EEUU, apoiando moral e armamentísticamente aos grupos anti-rusos asentados en Ucrania, cabería especular que quizais esas mesmas armas poderían acabar disparando de novo contra os EEUU, de forma similar ao ocorrido no 11-S. Do mesmo xeito que os EEUU non foron quen de satisfacer as necesidades socioeconómicas do povo afgano nos 80, ao que nembargantes sí armaron e adestraron para a guerra (xurdindo posteriormente o chamado movemento talibán), un escenario similar poderiamos estar a presenciar en Ucrania dados os intereses nacionalistas, pero non proamericanos, dos grupos anti-rusos en Ucrania. Dito doutro xeito, un aliado ao que armas pero non satisfaces converteráse de seguro no teu peor enemigo, como xa nos adiantara Maquiavelo hai varios séculos. Un erro constante ao longo da historia, a cal tende a repetirse.

  • Javier López Moríñigo, doutor psiquiatra formado na USC traballando na actualidade na área de saúde mental do hospital South West London ([email protected]).

Máis artigos do Doutor Moríñigo en QPC

Artigos relacionadas

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios