Venres. 19.04.2024
El tiempo

Desde o 2 de maio de 1907 en Bos Aires

Desde o 2 de maio de 1907 en Bos Aires

Os que coñecemos o glorioso pasado do Centro Galego de Bos Aires estamos decepcionados e cheos de tristeza. Agora mesmo e con 110 anos de vida está en proceso de liquidación. Levo no meu corazón a emoción da primeira visita ao cuarto 202 que foi onde morreu Castelao. Fun da man do moi cordial Rodolfo Prada Chamocín a quen coñecera en Montevideo cando, convidado polo Patronato da Cultura Galega, viñera falar sobre o arcebispo Lago González no Día das Letras Galegas. Estiven moitas veces na esquina de Belgrano e Pasco. Falei con todos os presidentes desde a primeira presidencia de Sánchez Villares. Teño estado en moitas ocasións no Instituto de Cultura Galega, os sábados pola tarde, aprendendo cos mestres Antón, Hixinio ou don Bieito de Barallobre. Aquel Centro Galego era a comprobación do triunfo do esforzo emigrante. Os emigrantes eran afortunados xa que tiñan no centro da capital arxentina un fogar propio con manancial e lareira.

Non vou facer un resume da importante actividade desenvolvida e da súa enorme contribución ao mantemento da nosa identidade diferenciada. Os interesados poden consultar a ben documentada  “Historia del Centro Gallego de Buenos Aires” da autoría do doutor Padorno. Quero suliñar que a actual desfeita non é froito nin consecuencia de ningunha crise económica das habituais na moi xenerosa República Arxentina. O afundimento ten responsables que non deben ser buscados fóra senón dentro da institución. Hai que centrar o problema e para iso temos que ir ao hospital ou sexa aos servizos de asistencia médica. A caída en desgracia nace no seo  da mutualista cando descende o número de asociados que por un cota mensual teñen dereito a médico e internación hospitalaria. Non houbo visión para especializarse ao baixar de 50.000 a 10.000 socios. Os cartos da Xunta foron estragados no pagamento dunha administración paralela.

Os culpables teñen nome e apelido. Son os membros das tres agrupacións históricas (A Terra, Breogán, Celta) que abandonaron a Xunta Directiva uns meses despois das eleccións celebradas o 29 de agosto de 2010. Esta traizón aos ideais dos fundadores marca a caída dunha entidade mutualista que posúe un moi importante patrimonio edilicio cun hospital con capacidade para máis de 300 camas. Os dimisionarios actuaron por vinganza xa que as súas respectivas agrupacións apoiaran ao candidato derrotado nas urnas. O presidente Vello Pombo recibiu un inmerecido golpe baixo nun momento en que buscaba saír do bache mediante acordos varios con autoridades públicas e obras sociais privadas. Cómpre sinalar que o ex presidente Juan Manuel Pérez mantivo o seu compromiso con Vello e co Centro Galego. Os dimisionarios dedicaron os seus esforzos a criticar con dureza a dona Cristina ao tempo que louvaban a don Mauricio.

Voume adiantar un pouco para chegar axiña a onde quero ir. As contas eran deficitarias. Houbo que recorrer ao auxilio do goberno nacional para poder pagar os salarios. O 25 de outubre de 2012 asume un interventor xudicial (La Blunda) que desexa arranxar os problemas mediante a obtención de maiores ingresos. As agrupacións non o queren e non colaboran cunha persoa honrada e responsable que da pasos no bo camiño. Non houbo tempo de ver os resultados. O cambio de goberno trouxo o 22 abril de 2016 a un novo interventor (Moyano) que foi recibido con alegría pola maioría dos membros das agrupacións. O idilio durou moi pouco a pesar de estar unidos pola fe macrista. O interventor cumpre ordes: acabar axiña coa mutualista dos galegos. O goberno nacional fórmase con empresarios delincuentes que foron autorizados polas urnas para aumentar o seu patrimonio persoal sempre e cando deixen sen choripán aos votantes de Cristina.

O interventor busca un medio de privatizar que non sexa moi chamativo. Quere ir de discreto. Non o consigue. O erro foi a organización dunhas eleccións truchas –fraudulentas-- con certas persoas da agrupación “Breogán” e outros candidatos que non eran socios. Non se pode ser máis pelotudo! A présa por privatizar lévao a un acto electoral ilegal que está denunciado no xulgado. O interventor amosa a súa vea máis escura cando convida ao tristemente célebre doutor Burgueño. É de supoñer que os xefes están a presionalo. O tempo pasa e non se concreta a coima. Non vexo outra explicación para a grave ofensa feita aos emigrantes. Espero que pague o desprezo aos socios xa que é inmoral pagarlle unha viaxe desde Madrid a un ex administrador que estafou a quen o designou para un posto de gran responsabilidade. Por agora o interventor conta coa coiraza protectora do réxime macricida pero sabe que ten un prazo para facer caixa.

Mentras o interventor argalla matufias para gañar millóns de pesos; a vida social vai de mal en peor. Houbo moitos despidos e tamén novos contratados para exercer de matóns diante dos socios que veñen pedir cita médica. Non se permiten queixas. Así actúa o macrismo en todos os ámbitos sociais que están baixo o seu control. Se quedas sen emprego e protestas recibes paos no lombo que non saen na televisión que está a trasmitir a inauguración dunha fábrica de tubos metálicos en Texas, na cidade de Bay City. O máis patético é ver aplaudir a varios coñecidos das agrupacións do Centro Galego. Agradécenlle ao presidente Macri que invista no exterior --con cartos roubados-- para deixar sen traballo a miles de traballadores da municipalidade de Campana. Son os mesmos que votaron en contra dos máis desfavorecidos. O voto do odio foilles devolto en grandes doses de apropiación indebida dun patrimonio que suaron os moi solidarios devanceiros.

  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios