sábado. 18.10.2025
El tiempo

Truco ou trato para dinamizar o comercio local carballés

Presentación Truco ou trato-Samaín 2025
Varios membros da directiva, encabezados pola súa presidenta Silvana Rama Corral, presentaron a ginkana comercial acompañados polo alcalde de Carballo Daniel Pérez; o concelleiro de Promoción Económica Xosé Regueira, e o responsable de Feiras e Mercados Ramón Varela.
Truco ou trato para dinamizar o comercio local carballés

O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo pon en marcha unha nova e divertida campaña de Samaín baixo o lema “Truco ou trato?”, que se desenvolverá do 20 ao 31 de outubro co obxectivo de premiar a fidelidade da clientela e impulsar as compras nos establecementos locais, ademais de darlle maior visibilidade á diversidade de comercios que forman parte da asociación.

34 comercios participarán nesta iniciativa lúdica e festiva, que convida á veciñanza a percorrer os escaparates decorados especialmente para a ocasión e localizar as letras misteriosas agochadas nas súas decoracións de Samaín. Cada comercio participante estará identificado cun vinilo da campaña e unha decoración temática, creando así un ambiente máxico, misterioso e atractivo nas rúas de Carballo.

As persoas que consigan atopar todas as letras e formar unha ou varias das nosas palabras misteriosas, deberán anotalas na súa tarxeta de participación, dispoñible nos comercios da ruta ao realizar unha compra, e entregala xunto con dous tickets e todas as letras que forman a palabra no punto de recollida situado na carpa que o CCA Carballo instalará na Praza do Concello o venres 31, de 17.00 a 20.00 horas (en caso de choiva, trasladarase ao Mercado Municipal).

Entre todas as persoas participantes, o CCA realizará un sorteo de seis cheques de 50 euros cada un, para gastar nos comercios asociados. Ademais, quen acuda disfrazado/a terá un agasallo sorpresa directo no punto de recollida. O sorteo celebrarase o luns 3 e anunciarase nas redes sociais da asociación.

As palabras misteriosas serán: MORCEGO- FEITIZO – SAMAÍN – PANTASMA – CABAZA – MONSTRO - DOCES

Comercios participantes

A Fragua de Mo, A saia da Carolina, Akira, Atelier, Benetton, Bio Salón Mesturas, Buy&Sell, Cenor, Comercial Queijo, Doces soños, Dv Carballo, Ekaté, Emiliano Moda, Estratexia Comunicación, Ferretería Arán, Florida Centro Joya, Floristería Taibo, Informática Valem, Jorge Moda, La casita de Lu, Lencería Mª José, Lenda, Merliño xoguetería, Mmmm!Xeados, Muebles Fuentes, Oro Express, Peluquería Beni, Refugallo Zero, Retoños, Teirón, Todo Lar, Upa! Espazo barefoot, Zapatillería Isabel e Zocas.

Comentarios