mércores. 30.04.2025
El tiempo
Manuel Varela
21:02
29/09/10

O fútbol e a festa

O fútbol e a festa
Fin de semana das Festas da Barca de Muxía, que coinciden un ano mais con xornada ligueira na Costa da Morte. Dúas das grandes paixóns costeiras entrelazadas e intimamente ligadas, a verbena, a festa e o fútbol. Pero … ¿son realmente compatibles? Todos os anos asistimos nesta esperpéntica fin de semana ós mais diversos episodios de "xóvenes" e non tan "xóvenes" xogadores buscando as mais apoteóticas escusas e lesións nunca coñecidas no catálogo médico para non ter que dar a cara o domingo nos campos de xogo. Adestradores de toda índole teñen que facer auténticos malabarismos para completar convocatorias, alineacións dignas e nalgún caso facer a vista gorda si se pretende saltar con once xogadores ó campo. Vemos reunións nos vestiarios nas que o equipo titular do domingo se fai case por votación popular, e xa chegamos ata un punto no que os equipos utilizan o argumento de “… que mais da, o rival vai estar igual de mal ca nos…”. Xa está institucionalizado na Liga da Costa o da, por outra parte, marabillosa Festa da Barca, como un terreo con bula e onde a lei do decoro deportivo se garda nun caixón. Futbolistas, podedes deixar de selo durante este fin de semana, que nada pasará. Non nos enganemos, a noite é un dos grandes inimigos do deporte costeiro. Os rapaces novos, en boa lóxica, buscan a diversión neses curtos fins de semana, e resulta a veces difícil compatibilizalo co deporte rei. O que pasa é que duns anos a esta parte a festa é unha prioridade absoluta, mentres que o deporte é algo accesorio. Imos xogar ó fútbol para cumprir o expediente, para estar un rato cos amigos, sen darnos conta de que nun estado físico frouxo sufrimos mais que disfrutamos. Non é o primeiro caso de grandes futbolistas da Costa que tiran pola borda prometedoras carreiras deportivas con posibilidades de chegar a altos niveles, simplemente polo feito de antepoñer as festas e o estar cos amigos a xogar ó fútbol. E, aquí é onde quería eu chegar, nunha opinión totalmente subxectiva, para min A GRAN FESTA É O FÚTBOL. A Liga da Costa nace da necesidade de diversión dos xovenes rapaces de cada localidade, que naqueles épicos anos iniciais, tiñan en darlle patadas a un balón o seu momento de maior gloria. Estes días de fútbol eran verdadeiros días de festa nos que toda a poboación compartía as penas e alegrías dos heroes veciños que competían con paixón coas localidades rivais. Os tempos cambian, e na era da información e a globalización as posibilidades de diversión para os rapaces son infinitas. Tristemente isto está a levar a que unha das mais sans e lonxevas como é o deporte se estea a perder e a deixar de lado. ¿Onde quedan aqueles clubes costeiros que competían por toda Galicia e eran temidos pola súa bravura e bo xogar? Dende logo moito haberá que agradecer ó Soneira que nos fixese recuperar ese orgullo na Costa, e desexo de corazón que o seu nome soe forte pola Preferente Autonómica, e oxalá que Dumbría, Xallas, Cee ou Sp. Zas estean en condicións de imitalos a final de tempada, pero moito me temo que ou cambian as nosas prioridades ou seremos un pobo mais festexeiro que futboleiro.

Crónicas de Manuel Varela

Máis información

Comentarios