Cales son os riscos de centrar a economía dos nosos concellos no turismo?
08:56 03/07/18
Existe unha cantidade crecente de inversores tanto locais coma foráneos, que invisten diñeiro na Costa da Morte para aproveitar o crecemento turístico da zona. Créanse novas empresas de ocio, medra o número de negocios de hostalería, aumentan as prazas de aloxamento e, cada vez máis, lemos titulares relativos a asociacións, proxectos, e políticas públicas en torno ó sector turístico.
Con vistas á temporada alta, nas fiestras de edificios e casas, e nos portais de internet, dispáranse os anuncios “SE VENDE” e “SE ALQUILA”. As reservas medran nos hoteis, nos cámpings e nos hostais. Nos bares sentimos unha sensación de “vidilla”, incluso entre semana.
Tamén aumentan as ofertas de emprego en restaurantes, bares ou supermercados. E, como cada ano, os concellos anuncian un repertorio de contratacións, que van dende os tradicionais postos para limpeza de praias, socorrismo, e brigadas contra incendios, ata outras máis modernas, para persoal técnico de turismo ou de museos.
Todo é aparentemente positivo. A economía flúe, as empresas medran, os visitantes aumentan, e o paro baixa. Pero enfocar o crecemento dos nosos concellos exclusivamente cara a explotación do turismo, tamén supón asumir certos riscos
- Salvo excepcións, os empregos turísticos ofrecen malas condicións salariais. As cifras están moito por debaixo do que se paga no resto de sectores, e isto condiciona tanto a calidade de vida coma a fixación da poboación. Ós salarios baixos hai que sumar a temporalidade dos contratos. Cunha media de duración entre os dous e tres meses, é imposible a estabilidade laboral, con todo o prexuízo que iso supón para os proxectos familiares, e as cotizacións á seguridade social, entre outros moitos.
- A chegada de persoas con maior poder adquisitivo que nós, propicia o aumento dos prezos, e ó mesmo tempo fai diminuír o noso poder adquisitivo. Un caso claro, atopámolo nos prezos de compra dos terreos con vistas ó mar. Eses xa non son para nós, nin serán para os nosos fillos, eses son para os turistas.
- E tamén hai que falar da marxinación doutros sectores, formados por empresas e industrias con índices de competitividade económica e social bastante máis interesantes que os que ofrece o turismo. Refírome, por exemplo, ás pequenas explotacións gandeiras e industriais, con interesantes taxas de facturación, pero con menor apoio para a súa expansión. Ós pequenos polígonos industriais, competindo entre concellos desangrados a nivel demográfico. Ou ás decadentes lonxas de peixe e mariscos, que hasta fai pouco representaban a identidade duns portos pesqueiros, hoxe convertidos en atraque prioritario para embarcacións de recreo, tamén estacionais.
- María José Mato Figueiras. Guía oficial de turismo. Especialista en planificación e xestión de destinos turísticos, cun mestrado en Investigación Turística.
Artigos de María José Mato
- Guía de turismo, unha profesión regulada.
- 5 claves de márketing para triunfar en FITUR.
- A hospedaxe turística na Costa da Morte.
- O modelo de desenvolvemento turístico sostible: cantidade ou calidade.
- Relacións entre residentes e turistas: a turismofobia.
- Turismo sostible para o desenvolvemento.
- A regulación do alugueiro de vivendas de uso turístico.
- Xeodestinos turísticos.
- A morte por éxito turístico.
- Que é o turismo?.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected]).