Luns. 01.06.2020
El tiempo
María José Mato
10:26
05/03/18

Guía de turismo, unha profesión regulada

Guía de turismo, unha profesión regulada
Carnet-de-guia--turistico-de-Galicia

En anteriores #FirmasQPC temos falado da simplificación que chega a facerse do sector turístico, e das dificultades e confusións que isto pode provocar. Afondando na mesma liña, nesta ocasión comprobaremos ata que punto existen ideas falsas e descoñecemento, sobre a profesión do guía de turismo.

Para iniciar o asunto, analizamos a definición que se da na Lei de Turismo de Galicia sobre as persoas que desempeñan a profesión:

“Son guías de turismo os e as profesionais que, debidamente habilitados, prestan de maneira habitual e retribuída, servizos de asistencia, acompañamento e información en materia cultural, artística, histórica e xeográfica ós usuarios turísticos”.

Como vemos, o marco legal define as funcións e características do posto, deixando claro que para exercer a profesión en Galicia hai que ter unha habilitación previa.

O asunto está en que esa habilitación SOAMENTE a pode expedir a Axencia Turismo de Galicia. Que é a que tamén determina as condicións de acceso, o ámbito de actuación, e os demais requisitos precisos para traballar nesta profesión.

Polo tanto, non queda marxe para esa confusión, tan aparentemente inocente, á que ás veces se fai alusión; a profesión de guía de turismo está regulada. E non existe ningunha empresa, nin asociación, que conceda a habilitación oficial, nin faculte para ser guía de turismo, en ningún termo. 

Toda persoa que queira exercer a actividade legalmente en Galicia, ten que ter a habilitación expedida pola Axencia Turismo de Galicia, estar inscrita no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) de Galicia, e posuír o carné oficial. Norma esta da que, única e exclusivamente, se exceptúan ós guías de turismo que exercen legalmente noutras comunidades autónomas.

Por último, cabe tamén chamar a atención sobre quen, sen cumprir os requisitos legais esixidos, exerce as funcións propias dun guía de turismo. Quen o fai, comete o delito de intrusismo profesional. E este, ademais de ser eticamente cuestionable, e prexudicar a profesionalización do sector, é administrativamente sancionable.

  • María José Mato Figueiras. Guía oficial de turismo. Especialista en planificación e xestión de destinos turísticos, cun mestrado en Investigación Turística.
 

Artigos de María José Mato

Fonte

comentarios