Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Óscar de Souto
16:47
31/05/17

17 de maio: Crónica dunha gran desfeita

17 de maio: Crónica dunha gran desfeita
Paseo polas rúas da miña vila, auto-pensándome, tropezándome con placas que portan os nomes e apelidos de escritores casteláns, de fama, que ningún veciño coñece, ninguén escudriñou nas entrañas das súas obras literarias – xa totalmente esquecidas – (para a maioría). E saúdanme descoñecidos, que cren coñecerme, e asinto coa cabeza, con aceno sorrinte, amablemente, coma sempre. É que ninguén ollou algún poema meu? Dígovo-lo eu... ninguén. Porque a profesión de escritor, que é en si unha forma de ser e de política vital, pero (por desgraza) xa só é un hobbie, unha paixón peculiar, un entretemento, pouco máis. E cando traducimos as nosas loucuras escritas a idiomas estranxeiros, si, castelán incluido, ocorre ese excelso sentimento encontrado, o recoñecimento, a admiración, ou o premio e/ou o éxito. Encontrado, encontrado si, encontrado porque causa en nós fonda tristeza, a tristura amarga de atopar admiración lonxe porque non xorde, para nada, preto da casa. E rodeados de tanta xente… sentímonos sós. Na soidade silandeira dos rumoros piñeiros ou coma aquel cisne na ribeira cantándolle coas letras a patos que non tiñan escolas. E no medio e medio desta desfeita xigante, que alguén chama País, nós, os poetas vivos, festexámo-lo día das Letras Galegas, así, escribindo tonterías que a ninguén lle importa. E os concellos, fundacións e outras entidades contratan paiasos, actores e músicos para festexar outro día sen nós. As letras sen os escritores vivos. E exiliados na nosa propia terra, os poetas, os eternos descoñecidos “facedores” de novas palabras xuntámo-nos nun bar, de cando en cando, para recitar o que nos sobra e, para percatar-nos, de novo, do que en verdade somos. Si, témo-la necesidade vital de “des-parrulizar-nos” e, por eso se nos da por argallar esas xuntanzas de cisnes, as que asisten os catro lectores da vila e os dous despistados que apareceron aquel día polo local con cara de estar presenciando un avistamento ovni. E na mesma semana das letras galegas paralízase o planeta porque esta xogando o Real Madrid ao balompé. E as pequenas esmolas do alto mando para os actos culturais do 17 de maio ata se gastan en contratar a orquestra Capitol e a dous fulanos barbudos que tocan unha guitarra. E os alcólicos irrecuperables da cantina do lado páganlle os viños ao concelleiro de turno, que non sacou o certificado de estudos primarios, por motivos que non veñen o caso, e apuran as arrancadeiras interminables discutindo de cousas sen lóxica. Sen lóxica, coma case todo o que acontece por aquí… normalmente. E no medio e medio desta desfeita xigante, que alguén chama País, nós, os poetas vivos, festexámo-lo día das letras galegas, asi, escribindo tonterías que a nadie lle importa.  

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios