Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A voltas coa felicidade

A voltas coa felicidade
Imaxe da costa vimiancesa de Sabadelle

A vida é, sen lugar a dúbidas, a mellor escola. Lembro como se fora onte aquel 20 de marzo do ano 2013, cando cheguei a Londres por vez primeira. Vimianzo parecíame unha vila aburrida e pouco excitante, onde raras veces sucedía algo interesante. Londres, pola contra, semellaba todo o contrario: un lugar onde vivir experiencias novas e trepidantes cada día, como en realidade sucede.

Por aquel entón consideraba –agora sei que de xeito erróneo- que a felicidade pasaba por atopar un bo traballo que me permitira sentirme realizada. Todo o demais permanecía relegado a un segundo plano. Agora, despois de dous anos e medio de travesía nos cales vivín todo tipo de aventuras e desventuras, sei que non é así, e que a felicidade radica nos pequenos detalles que a vida nos ofrece: percorrer o camiño acompañados polos nosos seres queridos, contemplar as estrelas no ceo nunha noite de verán, respirar o aire puro procedente das montañas, saborear un bo prato de comida, deixarnos contaxiar polo sorriso dun neno, etc.

Dende este punto de vista, Londres é unha cidade ideal para pasar unha temporada, porque hai oportunidades laborais moi interesantes, hai postos de traballo que permiten adquirir riqueza e hai un sinfín de experiencias novas que vivir cada día. Sen ir máis lonxe, neste período de tempo, tiven ocasión de presenciar eventos deportivos destacados (entre outros, puiden ver en vivo á selección brasileira, a Roger Federer e a Novak Djokovic), de asistir a diversos concertos (por exemplo, Il Divo), e de acudir ao último espectáculo do Circo do Sol e ao musical ‘Thriller’. Pero iso non se traduce nin en felicidade nin nunha mellor calidade de vida, nunha cidade cada vez máis deshumanizada e abafante dende o punto de vista emocional.

Por desgracia, os asasinatos, os suicidios e mailos problemas coas drogas son unha constante. Moita xente non é quen de facer fronte cada día ao estrés que se respira en calquera recuncho, á presion asfixiante do capitalismo extremo ou á soidade –non deixa de ser curioso que, nunha cidade con preto de 9 millóns de habitantes, boa parte da poboación padeza esta problemática-.

Visto así, alguén dubida de que en Galicia se é máis feliz?

  • Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).

Artigos de Paula García Costa

Novas relacionadas

Fonte

.

Comentarios