Xoves. 10.10.2024
El tiempo
Redacción
10:04
14/11/13

Once anos e un día máis tarde

Once anos e un día máis tarde
Escea dos traballos do Prestige nunha imaxe de Felipe García

Galicia acumula feridas, cicatrices. Galicia é esa profesional da loita libre que asume os golpes con estoicismo agardando que, quizais, rematen sen máis algún día non moi lonxano. Hai quen, como Eduardo Pondal, deixa unha invitación a que desperte do seu sono. Onte fíxoo para engadir un novo revés á súa historia recente: a sentenza final do desastre medioambiental desencadeado polo afundimento do Prestige.

Cidadanía e plataformas de protesta agardaban expectantes o resultado final dunha resolución que, tras once anos de mobilizacións e denuncia, tiña a oportunidade de devolver certo sentido a unha lexislación que leva longo tempo sumida nunha espiral de autodestrución e que, indirectamente, levou a España a ser un dos países con maior permisividade á hora de discutir responsabilidades en catástrofes deste calibre.

Sen embargo, e tendo en conta que o dictame e a dor non teñen volta atrás, a pregunta que todos debemos facernos é a seguinte: soa rara a verba ‘dimisión’ ó sur dos Pireneos? Ou pode que simplemente no dicionario da clase política nacional estamos falando dun termo demasiado radical. En todo caso habería que consultarlle a cuestión a María Dolores de Cospedal, que teorizou ó respecto recentemente, aínda que iso é outra historia.

A decisión final deixou multitude de críticas e a reedición dunha sensación que para nada é nova no día a día da poboación: as leis adquiren relatividade para uns poucos. Irónico cando unha pianista de Puigcerdà ten que enfrontarse a unha petición fiscal de sete anos e medio pola denuncia dunha veciña molesta co ruído do seu instrumento. España segue a ser un país onde atopar un culpable sae relativamente barato se non acude a diario ó Congreso dos Deputados. O último en unirse á lista foi Apostolos Mangouras, chivo expiatorio dun proceso onde a lonxitude da lista de neglixentes quizais podería rivalizar coa profundidade á que se atopa o buque nestes intres.

Non obstante, non todos o ven así. Alfonso Ussía, escritor e columnista no diario La Razón sumou un novo episodio de cordura e obxectividade periodística sinalando na súa conta de Twitter que “Los que se indignan con la desgracia de unos berberechos por un accidente, celebran la salida de terroristas por veinte asesinatos”. A realidade é que, a quen lle importa un desastre medioambiental á altura do Érika ou o Exxon Valdez cando podemos falar da doutrina Parot?

A falta de sensibilidade de Ussía non é un acontecemento illado, xa que o principal foco de desinterese é, en primeira instancia, Madrid, e, nun segundo plano, os concellos da Costa da Morte que nun determinado momento acumularon promesas e aceptaban axudas en forma de compensación que xa chegaban tarde, pero foron hábiles instrumentos para pelexar nas eleccións municipais e acadar os votos dos veciños. O Parador de Muxía, aínda en construción, foi un dos casos. Aínda así, a memoria é fráxil e os Presupostos Xerais do Estado deron as costas á rexión un ano máis toda vez que os movementos de protesta sufriron un previsible e perigoso efecto gasosa. Curiosa forma do goberno central de manter o contacto cunha comarca deixada de lado tempo atrás.

As consecuencias do Prestige non delimitaron unas fronteiras naturais, o que favoreceu, en parte, que a catástrofe do petroleiro con bandeira bahameña fose enfocado, a miúdo, desde unha óptica localista e pechada que, por exemplo, foi útil para que o porto exterior de Punta Langosteira lle outorgase a Francisco Vázquez un trofeo de ouro que previsiblemente gardou a bo recaudo nos seus anos de embaixador na Cidade do Vaticano.

A necesidade de esixir responsabilidades tamén produciu un efecto negativo nunha das poucas boas noticias que emanaron das críticas á xestión da desgraza orixinada polo buque asegurado pola London Steamship Owners Insurance: o movemento Nunca Máis. O propio paso do tempo e a difícil transición que os movementos cidadáns sofren á hora reconverterse en demandas no Parlamento mermou a súa capacidade de acción, unha nova mostra de que a fronteira entre a poboación e a clase política segue a ser algo máis que unha cuestión de ideoloxía.

Mentres procesos de esta gravidade rematan en sentenzas que insultan á ética do ser humano, outros Prestige pasan a diario fronte ás costas galegas e navegan polos cinco oceános amparados por unha lexislación marítima internacional favorable ós intereses económicos dos armadores e que, once anos máis tarde, asume como posible un novo accidente que tinga de negro o mar, as praias e as rochas dunha terra onde caer está permitido, pero erguerse é unha obrigación. Hoxe, farémolo de novo.

Outros artigos de Pablo Varela

Novas relacionadas

 

Artigos relacionados co Prestige

Fonte

Comentarios