Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
15:02
31/07/13

Angrois do Heroísmo

Angrois do Heroísmo

Angra do Heroísmo é unha pequena e fermosa cidade, capital da Ilha Terceira, situada no arquipélago dos Açores. Angra engade ao seu nome o apelativo heroico debido ao seu papel significativo nas loitas liberais do século XIX. Angra e Angrois comparten algo máis que un parecido evidente nos seus nomes. A vila portuguesa, ao igual que a localidade compostelá, viviu de preto a traxedia. A furia sísmica quebrou a cidade en 1980; a terra tremeu como se lle tocasen o nervio, cuspindo decenas de mortos e centos de feridos. O pobo ergueuse de contado, obstinándose nunha reconstrución exemplar, o que lle valeu á súa zona centro a declaración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco, tan só tres anos despois da catástrofe. Angra e Angrois...

Angrois é xa para sempre Angrois do Heroísmo. A aldea de fermoso nome, estremeira de Compostela, aguilloada polos látegos de ferro na curva da Grandeira. Angrois de homes e mulleres que fenden valados infranqueábeis e despegan as ventás do tren como se fosen adhesivos de vidro. Homes e mulleres con auga bendita e mantas e cobertores de flores que deitan sobre os alentos últimos e derradeiros nos camiños de ferro. Angrois con machadas e táboas de salvamento e fume negro e zunido de ambulancias que xa chegan e bombeiros e policías e olladas perdidas e as mans na cabeza e a noite que non acaba.

Angrois, moi ao seu pesar, irradiou a dor ao mundo enteiro. Aquela longa noite na que ficamos mudos, estruchados e baleiros. Non entendo como nalgúns lugares, ben pretiño, seguiron a celebrar as súas festas patronais con bombas de palenque e pachanga a discreción. Hai que ter os collóns de chumbo para estar bailando unha cumbia no campo da festa cando, noutro campo da festa, o olor a carne queimada o invadía todo.

Angrois, ao igual que Angra, erguerase para seguir vivindo. Co paso dos días Angrois deixará de ser un patético plató televisivo con presentadores do telexornal con aramado de fondo. Alégrame que o tempo os libre da pasarela dos políticos circunspectos, sempre atraendo o ridículo. Os heroes son xente que ollan de fronte e cospen de lado, e rexeitan a gomina do espectáculo. A mellor homenaxe ha de ser, seguramente, deixar de facerlles homenaxes institucionais. Os heroes desprezan os aduladores e non precisan placas, estatuas, inauguracións con paseillo de autoridades e decorado monárquico. Precisan unha caña fresca na taberna de Pilar, coa xente de sempre. Ninguén máis. Só os veciños de Angrois do Heroísmo.

Ouras historias nómades

Fonte

Comentarios