Xoves. 18.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
13:20
01/01/10

Carta pechada a Teddy Bautista

Carta pechada a Teddy Bautista
Teddy Bautista, caes mal. Non é de estrañar, nin é nada orixinal. De feito, o teu labor de presidente do Consello Director da SGAE conseguiu que o voso organismo fose a institución máis odiada polos españois, desprazando a Facenda, o eterno campión, ao segundo lugar. Con todo, teño que recoñecer que ás veces, cando vexo o teu rostro tenso e furibundo na prensa, vénme un aquel de lastimeira compaixón, de eterna mágoa. Calquera ve que o teu posto executivo non te fai feliz, Teddy. Ti tamén fuches un pequeno nómade. Dende as Illas Canarias, e coa túa mochiliña de cancións moi malas, fixeches miles de quilómetros na procura do éxito como artista e non o lograches nunca. O que facías non gustaba a ninguén, que pena. Ata é triste que ninguén se interese por baixar a túa “música”. Porque non me podes negar que iso alimentaría o teu ego. Pero non, aquelas estridencias que supostamente versionaban as Catro Estacións de Vivaldi –un pelín pretencioso para o teu nivel, non cres?- non tiveron moito eco. Si moito ruído. Como unha premonición, lembro unicamente dúas intervencións túas no meu imaxinario particular e adolescente: o teu papel de Judas en Jesucristo Superestar e unha participación no disco de Aute cantando Anda suelto Satanás . Xa se che vían as trazas. (Ah, o disco de Aute non era orixinal, tíñao gravado nunha vella TDK). Porque no fondo, Teddy, hai algo de satánico en todo isto. Cando interpretabas as túas psicofonías non lograches a sona agardada e, paradoxalmente faste famoso agora defendendo os intereses dos músicos e artistas que ti nunca fuches. Cousas do demo. Por certo, músicos collidos da man das discográficas. Que feo. Algo así como o obreiro saíndo á rúa o primeiro de maio coa patronal. Si, Teddy, parece que anda solto Satanás. Supoño que andaredes ben contentos coas novas intencións da lista de Sinde e do voso empeño de botar cancelas no mar. Tal vez, como cando ti te atreviches con Vivaldi, deberiades actualizar o concepto de autoría e difusión. No centro de ensino no que traballo, as rapazas da ESO representaron nunha semana cultural La casa de Bernarda Alba (Lorca, sabes?) para os seus compañeiros e compañeiras. Aos poucos días o centro recibiu a “factura” por dereitos de autor que debía pagar o colexio pola representación. Factura que, obviamente, forneceu o lume da caldeira da calefacción. Eu, pola miña banda, xa teño avisada á familia para que non cante no meu enterro; non creo que a nosa póliza de decesos cubra tales dispendios.

Comentarios