Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
10:00
06/02/11

Cerimonia da confusión

Cerimonia da confusión
Por un simple criterio de prudencia prefiro non meterme a fondo co tema da “Operación Orquesta”. Cun segredo de sumario vixente, as informacións que se coñecen non son claras como para que me bote a facer valoracións. Pero si se poden facer puntualizacións sobre certos “argumentos” que confunden á opinión pública. Moito se está insistindo sobre o feito de que nuns meses hai elecións municipais. Hai quen quere ver as cita coas urnas como a ocasión de comprobar a culpabilidade ou non dos implicados. Nada máis lonxe da realidade. A XUSTIZA é quen ten esa función, non a POLITICA. Gañar ou perder as elecións, a efectos xudiciais, non ten valor ningún. Do mesmo xeito que sair indemne do encontro co xuiz tampouco garante ser reelexido como alcalde. O país coñece políticos condeados pola xustiza que varreron, varren e varrerán nas urnas. Convén non confundir e deixar moi claro que os camiños xudiciais e electorais son diferentes, con ritmos e especificidades propios. Convén sinalar do mesmo xeito a argumentación sobre a forte presenza policial que se viu nos concellos afectados pola devandita Operación. Iso e o suposto despilfarro de recursos públicos empregados para por en marcha a actuación xudicial. Sobre o primeiro chama a atención que algúns dos que protestan pola presenza policial son aqueles que teñen reclamado máis policía para combater unha suposta delincuencia crecente na bisbarra. Pero lonxe dese detalle, ignoro baixo qué criterios xulgan algúns se foi excesivo ou non o desembarco policial, nunha operación onde resulta clave a actuación simultanea e rápida en tres lugares moi distantes entre si. Sobre o custo do operativo, algúns laianse coma se tivesen que pagar en metálico e do seu bolsillo a estadía dos funcionarios. Foi unha mágoa non ter escoitado os mesmos argumentos cando Bieito XVI visitou Compostela, acompañado dun operativo onde a presenza policial foi superior a de “cidadáns de a pé”. Ou onde, nese caso, o exceso de celo si causou problemas no seu día a día a cidadáns que tiñan problemas ata para entrar na súa propia vivenda. Por iso o mellor para todos será ser mesurados nas consideracións. Paréceme moi ben que pensemos no aforro e en non despilfarrar. Fagamos as cousas conforme ás nosas posibilidades e non por riba delas. E por suposto, as festas, tamén.

Artigos relacionados

Máis información

Entrevistas con Fran Hermida

Outros artigos Sen xeito

Comentarios