Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
13:58
07/06/10

Memorias dun neno da Costa

Memorias dun neno da Costa
Queridos padriños:Image Como estades? Eu estou ben, escribíndovos estas letras mentres agardo polo coche de liña para ir á feira. Teño tempo abondo, pois só levo sete horas agardando. Antes de nada, quixera agradecevos os agasallos que nos mandastes, que nos van ser de moita axuda. Papá está moi contento co Marca e a mamá encantoulle o libro de cociña tribal. Os paraugas véñennos moi ben, porque aquí na Costa da Morte estamos na época de chuvias. Si... outra vez. Que tal vai todo pola vosa casiña de Occidente? Aquí na tribo todo segue igual. Mamá fai as cousas da casa e limpa algún portal, a irmá estuda administrativo e papá adícase a asuntos importantes na taberna. Eu presentei o curriculum en Ferroatlántica e as fins de semana vou de marcha a Santa Comba. A vida na tribo é tranquila e bonita, como vedes. Pero tamén é unha vida dura, e hai que sacrificarse moito para conseguir as cousas máis básicas. Sen ir máis lonxe, o meu veciño Aurelio nin sequera ten coche tunning e o seu móbil non reproduce mp3. Pero en fin, non todo son tristuras. A aldea progresa pouquiño a pouco. É unha ledicia ver os poboados repletos de chouzas de segunda vivenda que mercaron os homes brancos para pasar as vacacións. Por agora aínda non veñen, e mesmo deixaron algunha a medio facer, pero os Grandes Xefes dixeron que iso ía ser bo para o noso progreso e así todos os rapaces poderemos ter algún día camisestas de Messi e Crisitiano Ronaldo. Ademais, agora dá gusto ver civilización onde antes só había monte. Non si? Os Grandes Xefes, sempre pensando na comunidade, reúnense a cotío nunha frugal comida e dispoñen ideas ocorrentes para o noso beneficio. Mesmo ás veces acoden á capital durante uns días para participaren na promoción da aldea en feiras internacionais. As súas ideas son tan orixinais que semellan producidas polos efectos dalgunha beberaxe máxica do meigo da tribo. Afortunadamente contamos tamén coa axuda de varias ONG´s para o desenvolvemento que participan activamente na creación de infraestruturas imprescindibles para o esperanzador futuro da nosa tribo. Onde só había ermos e brañas, florecen agora polígonos industriais e residencias para os maiores. Pero marcharon e non din como se usan. Nos polígonos van saíndo unhas vigorosas herbas e mamá quere ir apañalas para o gando, aínda que os Grandes Xefes insisten en que os polígonos non son para iso. Papá di que deixaron a cana pero non ensinaron a pescar, pero eu non sei qué quere dicir. Ben, como vedes as cousas seguen o seu ritmo pausado propio do nosa paciente historia. Hai que ter fe no mañá. Fe, calma, paciencia, acatamento, obediencia, resignación... Son os sabios consellos dos Grandes Xefes. Déixovos, que ao lonxe se albisca un autobús e non sei se parará. Bicos a todos e graciñas por apadriñarme.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Xuño 2010.

Comentarios