Sábado. 27.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
21:14
03/02/11

Orquestra Berlanga

Orquestra Berlanga

A película iníciase nun tempo pasado. Uns parroquianos bailan cumbias de Los Satélites nun monte escarpado mentres dende o mar estala a pirotecnia. Non son fogos de artificio. É o Casón. Comezan as escenas do caos, xa que un grupo emprende a fuxida en autocares e outros seguen bailando como se nada. As televisións cospen declaracións dos políticos e técnicos de turno, contradicíndose sempre. Uns cadáveres filipinos aboiando nas augas danlle á escena un toque gore.

Hai un salto temporal e a imaxe pasa ao branco e negro. Máis ben ao negro. O filme cambia radicalmente de xénero e convértese de súpeto en pachanga-ficción: do monocasco dun petroleiro afundido na costa saen hilillos de plastilina mutantes que van asolagando a paisaxe. As aves son negras. Negras as rochas e os cons. A area é negra. É a invasión da infamia negra. A televisión volve a ensinar os mesmos rostros –ou ben semellantes- dicindo que todo está esplendoroso. Mentres, un grupo de persoas carrexa xamóns regalados pola beneficencia, outros cobran cheques nun banco próximo e algúns locen coches e furgallas do trinque. Moitos marchan a Canarias. Soa a Negra Sombra.

Tras outro pequeno salto no tempo a película adquire un ton místico e apocalíptico. Unha comitiva formada por varios veciños, unha charanga, un santo, un sacerdote e algunhas autoridades, celebran a festividade de San Colitro cando inesperadamente o monte comeza a arder de maneira incontrolada. As lapas arrodean aldeas e vilas mentres as faíscas caen na praza semellando novamente fogos de artificio. As xentes, temerosas de Deus, axeónllanse suplicando a chuvia. E chegaron as augas, os torrentes, as fontes a boca aberta, regatos escorrentíos, riadas e chuzos de punta. De novo, os informativos achegan imaxes xordas dos pobos asolagados acompañadas de palabras de sosego e chamamentos á calma. Non hai música.

Exterior día. Thriller. Melodrama. Música de Mark Knofler: Local Hero. Observamos unha importante presenza policial e pensamos inicialmente en Túnez ou Exipto. O xente comeza a agruparse por moreas. Invaden as rúas, as prazas, os edificios administrativos e xudiciais. Todo é un inescrutable entrar e saír de seres queridos polo pobo. O xentío parece ter a certeza absoluta da inocencia dos seus líderes . As televisións botan fume. Cargos. Fianzas. Imputacións. Responsables políticos autonómicos falan da súa intención de colaborar coa xustiza, como se houbese outra opción. A escena ten un desenlace feliz, cunhas fermosas apertas cheas de agarimo.

A película remata nun futuro próximo e ten aires de documental. Unhas caras coñecidas asisten a unha convención internacional de turismo para promover a comarca. O lema elixido é Costa da Morte. Un paseo histórico polo desastre. Comparten stand con Chernobil, Marbella e Fago. Na banda sonora parécenos recoñecer a voz de Manolo Tena. Fundido en negro. The end.

  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Febreiro 2011.

Artigos relacionados

Ouras historias nómades

Comentarios