Venres. 29.03.2024
El tiempo
Suso Bahamonde
22:47
08/09/20

A nova (a)normalidade de sempre

A nova (a)normalidade de sempre

Ben sabe deus, ou no seu defecto, Sean Penn, que nunca na vida tiven pretensión algunha de ser hosteleiro, e moito menos autónomo. Sobre todo cando neste Estado Español no que vivimos, ser autónomo é sinónimo de Indiana Jones: Sabes como comeza a aventura pero non como vai rematar. Supoño que para a inmensa maioría da poboación, como para mín, esta é a súa primeira pandemia. Virán máis. A saber cando e de qué xeito, pero virán. Quizais xa nos colla alimentando aos vermes ou babeando nun xeríatrico. Máis esta, como calquera pandemia, colleunos de sorpresa.

Ao principio todo eran risas: Que se os chinos, que se iso é unha gripe, que se paso de usar tapabocas, etc... O confinamento foi un punto de inflexión e tardes de repostería para a humanidade.

Cambios de mentalidade, de vida, de hábitos, etc. Non vou contar nada novo, pois cada un sabe como descorreu.

Despois chegou a liberdade escalonada e sobre todo, a presión económica para que, na medida do posible, a industria e o comercio volvese a producir canto antes.

A saúde e a precaución, pasou a un segundo plano. O IBEX 35 desplegou as súas ás como cando o Cóndor pasa e presionou a un goberno que, ía dando paos de cego, e dictaminou que era o momento de voltar á normalidade ante o déficit que se estaba producindo.

Abríronse fronteiras intercomunitarias, ampliáronse terrazas e, ata as cervexas estaban máis frías e sabrosas. Todo en orde! Éramos un gran país unido e a pandemia íamola vencer cunha media verónica sen manchar o traxe de luces. Olé.

Pois non. Non era tan doado como pensábamos.

A cousa voltouse a agravar e tras dúas semanas de titubeos, o governo, sempre atado ben de preto polo poder económico que, como ollo se Sauron, todo o controla, decidiu tomar medidas ante os rebrotes. E unha das medidas máis restrinxivas foi pechar o ocio nocturno. Segundo os expertos, causa e motivo de todos os males pandémicos.

Así que os locais de copas, os pubs, as salas de concertos, e de baile, xa non poderían abrir por lei, e os demais locais, cafeterías, restaurantes e bares (o meu caso) deixarian de servir ás doce da noite.. e todos para casa a ver Masterchef. Gran plan.

 

Pois non. Dúas semanas despois os rebrotes van a máis. Non melloran os datos.

E todo segue igual.

Entón? Cal é o problema. Porque se os hosteleiros do ocio nocturno estamos a cumprir a condea, pechando como marca a lei, cun mínimo de aforo, medidas de hixiene, cuns evidentes recortes de ingresos (que non de impostos) e aínda así todo segue igual, será que o problema non era o ocio nocturno como se pensaba?

Acaso o goberno central e os autonómicos pensan que a xente marcha para casa as doce da noite? Pois non. Porque mentras nos bares manteñen as medidas de distanciamento e seguridade, tanto no interior, como nas terrazas, ou no intre de fumar... cando chega a hora da cenicienta, a xente transfórmase e perde os zapatiños, merca un par de botellas e refrescos, e a festa continua en pisos, baixos, galpóns e parques, coa diferencia de que, mentras nos bares mantiñan o distanciamento social, a partir das doce da noite todo se converte no Sábado Noite en Woodstock sen a guitarra de Hendrix, iso si.

Ou temos que pensar que o governo non sabe que iso está a ocorrer?

E non estou en contra destas festas clandestinas. Para nada. Paréceme perfecto. Tan só quero expoñer a equivocación de plantexamento, pois mentras nós temos que estar pechados ou limitados e seguir pagando impostos, e nin que dicir que demonizados por unha gran parte da sociedade... Comunidades, concellos e demais son quenes de organizar corridas de touros, festas patronais, festivais de música coas súas tabernas ambulantes, mercadiños, etc…

Sabíamos que esta crise íamola pagar os de sempre. Os obreiros, os autónomos, a xente da rúa. Nunca confiamos que a ían pagar eles... pero tamén é verdade que o descaro e a prepotencia págase cara.

Agora importa máis unha fusión bancaria que a familia, dona dun local de ocio, que malvive sen ingresos.

Ou que un futbolista quede ou marche do seu clube, que un autónomo apenas poida chegar a fin de mes.

Non é unha sorpresa. Obviamente isto, repito, íamolo pagar nós, máis tamén é verdade que todas as revolucións comezaron cunha pequena lumerada. Despois quen sabe veña o lume... utópicamente soñando.

Aínda que o máis seguro é que nesta nova anormalidade de sempre, facer madalenas polas tardes fáganos sentir como o Che Guevara nas selvas de Bolivia.

  • Suso Bahamonde. Poeta e narrador. Autónomo Hosteleiro.

 

Novas de Suso

Comentarios