As Avoas de Laxe cumplen 10 anos de risas, memoria e compromiso: a historia do grupo de teatro que se converteu en familia
O que naceu como unha sinxela actividade proposta polo Concello para mellorar a memoria terminou por converterse nun proxecto artístico e humano imposible de medir. Hai case unha década, interiorizar guións presentouse como unha forma divertida de exercitar a mente, pero pronto quedou claro que aquel grupo tiña moito máis que achegar. Así empezou a aventura dun conxunto de teatro interxeracional que hoxe reúne a homes e mulleres de idades tan diversas como enriquecedoras: desde algunha actriz que xa se asoma aos 80 anos ata a máis nova, que con só 10 empezou a subirse aos escenarios.
Durante todo este tempo, a igualdade e a loita contra a violencia foron nosas bandeiras. Atrevémosnos a abordar temas de actualidade que forman parte da vida cotiá de todas as xeracións: desde as condutas tóxicas—como o ghosting ou o catfishing— ata os medos que nacen das nosas inseguridades e a importancia da sororidade. Tamén rimos, con moito agarimo, da adaptación da xente maior ás novas tecnoloxías, que tantas situacións cómicas provoca. Todo iso levámolo a escena con humor, cunha ferramenta que xa é selo de identidade: parodias musicais de cancións moi coñecidas, que transformamos en pequenas pezas de crítica social envoltas en diversión.
Nese camiño de case dez anos tamén houbo ausencias que nos seguen acompañando. O noso querido José "Boliche", amigo e compañeiro, quedou a metade de viaxe, pero continúa presente en cada aplauso e en cada función. A el dedicamos cada actuación, porque a súa enerxía e a súa risa forman parte da nosa historia.
Tampouco chegariamos tan lonxe sen quen confiou en nós desde o primeiro día. Agradecemos de corazón a quen nos abriu as súas portas, por darnos un escenario que xamais esqueceremos.
Hoxe podemos dicir con orgullo que somos moito máis que un grupo de teatro. Cos anos creamos unha rede de apoio, un espazo de crecemento mutuo que funciona como unha auténtica familia. Iso é, quizá, o máis valioso de todo: saber que, mentres actuamos, tamén nos acompañamos.
Por iso queremos convidar a todo o mundo a vir vernos. Esta fin de semana estaremos en Camariñas, na Casa da Pedra, o día 21 ás 19:00 e en Fornelos, A Fonte, o día 22 ás 20:00. Despois comezaremos unha nova obra na que exploraremos o noso lado máis cómico, porque aínda temos moitas historias que contar… e moitas risas por compartir.



