Venres. 19.04.2024
El tiempo
Viki Rivadulla
11:07
25/09/17

QPC: O Compromiso

QPC: O Compromiso
banner 10anosQPC

QPC cumpre dez anos, e é motivo de parabéns para toda a comarca. Unha aventura duns mozos emprendedores que dou alento a unha comarca con moitos problemas de comunicación. Pasado o tempo aquel proxecto consolidouse e vemos como este humilde xornal é a mellor forma de dar saída a todo o que queremos contar,  e é xa un elemento vertebrador do noso territorio. Estamos en contacto uns cos outros, sabemos uns dos outros. Penso que é un luxo ter este calidoscopio coas voces de toda a comarca e cando tiven necesidade de escribir algo, denunciar, contar…sempre souben onde podía ir.

A min, persoalmente, o que máis me emociona de QPC é que é un proxecto colectivo. Porque é de todos e estamos todos. Nun momento en que estamos tan necesitados de información veraz, sen filtros, este xornal é garantía de que o que enviamos vai ser publicado, sen que lle recorten ou manipulen o contido.

A miña experiencia é que aquí tiven posibilidade de dar difusión ao meu traballo, sen ningunha traba. Tanto a nivel artístico como dende o meu posto de traballo como técnica de cultura. Aí está mes a mes a Galería Mulleres, por exemplo, ou o Proxecto Buserana. E tamén atopamos apoio ás actividades da Asociación Feminista Buserana, na que sempre temos problemas noutros medios para que os nosos comunicados se emitan íntegros ou sequera se emitan. Aquí atopamos ademais un compromiso real a prol da erradicación da violencia machista.

O compromiso co territorio, coas persoas, cos proxectos da xente, a ilusión, as gañas de facelo ben e a profesionalidade…porque por ben cercanos que son, non debemos esquecer que son grandes profesionais . Cónstame que en QPC hai integridade e, a pesares de ter a súa ideoloxía, non se casan con ninguén.

Alégrame muitísimo tamén dicir que hai compromiso coa nosa lingua: é un medio en galego e que non só o é, senón que participa activamente na promoción do galego nos medios.

E de todo isto que estón falando é moi “culpable” Ubaldo Cerqueiro. Cando tras dun profesional hai unha boa persoa, iso trascende no seu traballo.

Sen esquecer aos demais, teño que dicir que el é a clave. Porque foi quen de crear comunidade, de tecer a rede que é QPC, de implicarnos no seu proxecto, de case facelo noso. Porque tivo a capacidade de ser cercano coa xente, de ser un de nós, de que confiaramos para contarlle as cousas, de mobilizarnos para que lle enviaramos información, de non deixarse amedrentar cando foi o momento e de empatizar coas causas que moven ás persoas desta comarca tan necesitada de voz.

Pois aquí a temos. A nosa voz, a propia voz dos veciños e veciñas costeiros.

Longa vida a QPC por moitos anos… e ao noso Ubi!

 

#10anosQPC

 

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

Comentarios