Coronavirus. Un alto no camiño
Estamos xa na segunda semana da alarma sanitaria decretada polo goberno central do que será un longo proceso para superar a crise do coronavirus.
De súpeto, téñense alterado todas as nosas prioridades, todos os aspectos da nosa vida cotián. Ate hai uns días, era a ameaza do cambio climático a preocupación de máis calibre nos organismos internacionais, na comunidade científica, nos medios de comunicación e tamén nas nosas conversas. Era unha ameaza a longo prazo mais iamos tomando medidas para lle facer fronte, estábamos a traballar para lles deixar ás futuras xeracións un mundo habitable.
Hoxe é ameaza dun virus, dun enemigo invisible o que ten conxelado o planeta, o que nos ten aferrollados nas nosas casas, por temor do contaxio da pandemia, os hospitais están desbordados, as rúas están desertas, especialistas vestidos con traxes de guerra química coidan dos infectados e o exército patrulla as rúas baleiras.
Vivimos nun pesadelo, nunha película de ciencia-ficción na que todos somos actores.
Quén fala hoxe da contaminación do lixo plástico no mar?
En Mar de Fábula xa non limpamos praias, é máis, multaríannos se imos á praia. Todas as nosas actividades ambientais están adiadas. Na mañá do vindeiro venres 27 de marzo tíñamos previsto inaugurar o noso centro de actividades ambientais en Camelle cunha visita importante: a dos cativiños de escola de infantil e primaria de Camelle, logo virian os escolares de Camariñas. Todo quedou en suspenso. As máscaras de benvida penduradas na rexa branca do local, ollan desconcertadas para un paseo marítimo deserto, á beira dun mar estrañamente queto Ate o aire está queto. Estamos agochados, respiramos medo. O mundo ten medo.
Cando remate esta guerra universal e resultemos, coa peaxe de moitos mortos, vencedores contra o virus e a película de ciencia-ficción se torne de novo comedia e drama, entendo que algo deberemos ter cambiado e aprendido.
Esta sociedade global, con millóns de persoas movéndose arreo dun extremo a outro do mundo, en viaxes totalmente prescindibles, desplazamentos de masas de individuos a precios de saldo a costa de depredar, degradar e consumir os recursos do planeta dunha maneira acelerada, algo terá que ver, se non directamente, sí preparando o caldo de cultivo, envelenando o mar e o aire que respiramos, para que calquera virus poda medrar ao seu lecer.
Se cadra, ao remate do tránsito deste túnel escuro e incerto no que estamos abocados, seremos capaces de reaxustar o noso abano de prioridades e valores e todo aquelo que está perto de nós e non veíamos, as persoas, as cousas e a natureza que nos acolle, tomen a dimensión que lles corresponde.
Cando remate esta guerra e nos deixen volver ás praias, seguiremos limpando o mar.
- Xosé Manuel Barros. Cofundador da Asociación Mar de Fábula.
Artigos de opinión sobre o coronavirus
- Ana Gil Rey: Verdades incómodas.
- José Luís Louzán: A ira.
Todas as novas sobre o coronavirus
- 23-03-2020: O coronavirus tamén é cousa nosa.