Indo á raíz dos problemas
07:19 22/04/17
Palitos de plástico que ensucian o mar-Foto-Mar de Fábula
Se dentro de cinco anos temos que seguir limpando os mesmos volumes de lixo plástico que retiramos agora da nosa costa, isto significará que todos os sectores da sociedade involucrados en poñerlle freo á contaminación dos plásticos no mar, teremos fracasado.
Falo dos plásticos porque son o 90% do lixo que Mar de Fábula retira das praias e coídos do noso litoral. Plásticos de todas as formas, tamaños e composicións e rotulados en todas as linguas, como non podía ser de outra maneira ao pasar a poucas millas da nosa costa, máis de 40.000 barcos ao ano polo Corredor Marítimo de Fisterra.
Máis, con diferenza, o meirande volume deste lixo que apañamos na ribeira ten orixe local, procede da terra firme e algúns teñen unha orixe moi enxebre, como de seguido sinalarei.
A única maneira de poñerlle freo a este pesadelo, a esta historia sen fin que é limpar o mar á man (como, se non?), é ir á raiz do problema. Non vai desaparecer a contaminación ambiental a base de decretos e prohibicións. A solución principal, certamente complexa, pasa por combater a contaminación mental da sociedade actual e romper o muro de indiferenza que a separa da defensa do común, daquelo que é de todos nós. Non entanto, a resultas da nosa práctica, podemos apuntar liñas de acción concretas que terían resultados positivos a curto prazo.
Limpeza tras limpeza, ao pasar polas nosas mans toda sorte de refugallos plásticos depositados na area, observamos sempre unha mesma secuencia, unha especie de “núcleo duro” de seis contaminantes plásticos que marcan a súa presenza, calqueira que sexa o anaco de costa na que traballemos. Éstos son: bastonciños de algodón, paos plásticos das bateas, botellas de plástico, espumas, aparellos de pesca e bágoas de serea. Nesta sorte de supermercado do lixo no que temos convertido o mar, estes seis refugallos plásticos compoñen sempre o lote principal, están sempre de oferta. Témolo claro. A maneira máis directa de poñerlle fondo a este saco sen fondo é atallar as fontes de contaminación na súa orixe. Temos que tirar do fío para chegar a orixe do problema. Como todo na vida, temos que ir á raiz dos problemas.
16321 bastonciños recollidos por Mar de Fábula nunha praia da Costa da Morte
Dentro desta estratexia, o primeiro contaminante que escollimos polo seu número, foron os bastonciños de algodón cos seus compañeiros de viaxe. En xuño de 2016, Mar de Fábula lanzou a campaña “A túa casa non queda tan lonxe do mar” para modificar os hábitos desa parte da poboación que elimina os produtos de hixiene persoal polo retrete. Nesta teima seguiremos.
O segundo contaminante da nosa costa no que temos fixado a nosa atención, tamén polo seu número, son os paos plásticos das bateas para o cultivo do mexillón. Unha contaminación totalmente enxebre en canto Galicia, é con diferenza, o primeiro produtor europeo deste molusco e o segundo a nivel mundial despois da China Non hai dúbidas sobre a súa orixe. Dende logo, non veñen da China. Non hai praia galega que estea libre deste refugallo plástico e, nalgunhas, aparecen por centos. Aínda que é plástico duro, na meirande porcentaxe aparecen rotos pola metade e moitos, en anacos pequenos.
Navegando augas arriba para chegar á orixe do problema, puxémonos en contacto co fabricante destos aparellos en Boiro e co Consello Regulador do Mexillón de Galicia. en Vilagarcía. O primeiro acusou recibo desta realidade e apuntounos algunhas suxerencias para neutralizar o problema, suxerencias das que dimos traslado ao Consello Regulador.
A enorme importancia económica e social derivada da explotación deste recurso natural nas nosas rías, xustifica a campaña pública en curso, a cal incentiva o seu consumo como un produto cultivado con todas as garantías de calidade, ao longo de toda a cadea de producción. Non debemos permitir que se produzan efectos non desexados que poidan alterar esta mensaxe. A contaminación do medio mariño cos paos plásticos que se perden das cordas das bateas e que nós atopamos en todas as limpezas de praias, é un efecto non desexado. Este argumento ten sido trasladado pola nosa parte ao Consello Regulador do Mexillón de Galicia. Estamos na espera da súa reacción.
- Xosé Manuel Barros. Cofundador da Asociación Mar de Fábula.
Novas relacionadas
- Sementando nos nosos pequenos unha mensaxe de sensibilidade, respecto e amor pola nosa natureza.
- “Se depositamos os bastonciños nunha papeleira, evitamos que chegue ao mar un dos dez primeiros contaminantes”
- Campaña "A túa casa non queda tan lonxe do mar": Pequenos cambios, grandes resultados.
- As criaturas caóticas de Mar de Fábula chegan á praia de Ariño
- Mar de Fábula recolle 560 bastonciños de algodón en cen metros de praia
- O impacto ambiental dos bastóns de algodón
Outros artigos de Xosé Manuel Barro
- Escala de cruceiros no porto de Brens. Que facer?.
- Porque fumos limpar a Punta Caghada.
- Evaristo e o Corredor de Fisterra.
- Unha verdade incómoda.
- Redacción QPC ([email protected])