Perfecto López, empresario e mecenas galeguista na emigración americana
«Eu son un rapás novo. Para min é unha cousa da máisima importancia o ter que vos falar a vós, esencia do galeguismo e da cultura. ¿Que podo decirvos eu? Son un home que entrei orgulloso no galeguismo guiado pol-a man da miña aboa analfabeta que me insinou a falar en galego. Non fun levado pol-a doutrina nin pol-a cencia de ningún de vós. Cando ando pol-o mundo a espricarlles ós galegos que son fieles á Terra, a verdade esencial que a nosa língoa garda, revivo na miña mente a lembranza de cando era un rapás analfabeto que iba ó monte coa miña aboa analfabeta coma eu e que coas suas palabras iba enseñándome a profunda verdade das cousas. Cando quero percurar que os galegos que a abandonan volvan á lei do amor á Terra, sempre acudo ás verbas que de neno deprendera da miña aboa e sempre atopo a razón atinada que en cada caso fai falta. Eu sigo sendo aquel rapás humilde. Por iso non quero nin busco cargos (...)».
Como recolle Xosé Mª Rei Lema na súa recentísima obra publicada na Ed. Galaxia, así falaba Perfecto López ‘o Tato’ -emigrante vimiancés na Arxentina- o 27 de setembro de 1953 nunha xuntanza que tivera en Calo (Teo) cos máis importantes representantes do galeguismo interior (Xaime Isla Couto, Manuel Beiras, Gonzalo R. Mourullo, Ramón Piñeiro, Ramón Lugrís, Fernández del Riego, Otero Pedrayo, García Sabell...).
Nesta reunión Piñeiro presentárao coma “o home que fai viaxes a Galicia non pra ver a familia, que a ten toda aló, incruso sua nai, senón pra ver a Terra, pra estar na Terra. Quizais seña por isto mesmo pol-o que o Perfecto está destinado a sere un mensaxeiro de cousas transcendentes entre os galegos de eiquí e mail-os de aló. No seu viaxe anterior foi portador da terra galega pra Castelao; agora é portador do pirmeiro tomo de unha grande Historia de Galicia (...)”.
En efecto, Perfecto era unha ‘andoriña’, un mensaxeiro máis ou menos clandestino entre os galeguistas de Buenos Aires (Prada, Abraira, Puente, Suárez Picallo, Alonso Ríos...) e os do aquí arriba citados, cos que se carteaba. Nas súas frecuentes viaxes a Galicia, ademais de visitar os galeguistas, non deixaba de pasar polo seu Vimianzo natal, onde os impoñentes coches que conducía -os ‘haigas’ do Tato- causaban admiración.
Perfecto López nacera nunha aldea de Vimianzo en 1904, fillo e neto de nais solteiras e moi pobre. Apenas foi á escola ano e medio (el era consciente desta eiva). Traballou coma xornaleiro e carboeiro e, emigrado á Arxentina nun segundo intento (polos anos 30), conseguiu facer fortuna como concesionario de automóbiles estadounidenses. Boa parte da súa riqueza vaina compartir cos seus paisanos con moita xenerosidade, financiando obras e actividades de centros galegos en Buenos Aires e, particularmente, en soster e promover a cultura e lingua galegas. Xunto con outros bos e xenerosos da capital porteña -que, segundo Suárez Picallo, eran “cuáseque sempre os mesmos” (Manuel Puente, José B. Abraira, Rodolfo Prada, J. M. Cascallar, Jesús Porto...)- colaborou no financiamento da estadía de Castelao e dona en Buenos Aires, de 1940 a 1950, e noutras moitas iniciativas. Ó regreso dunha das súas moitas viaxes a Galicia trouxo, a finais de 1949, terra galega para introducir no cadaleito de Castelao.
Nesta ‘Voz’ céntrome nunha declaración de amor á lingua que para min merecería enmarcarse: a que fai un home rico, moi rico; pero humilde, consciente das súas carencias culturais ante un auditorio cheo de excelsas figuras do galeguismo interior que el tanto admiraba. Estes próceres do galeguismo ben que o respectaban.
Imposible resumir neste espazo todo o que fixo este emigrante soneirán na Galicia exterior des 1935 a 1970 (ano en que morreu) financiando ou cofinanciando proxectos e iniciativas a prol de Galicia, da súa cultura ou da súa lingua. Por exemplo: el e Manuel Puente de Buenos Aires e Xesús Canabal de Montevideo foron os que máis prata deron para as actividades e viaxes dos membros do Consello de Galiza ou para o Congreso da Emigración: milleiros de pesos. Na Galicia de aquén puxo cartos para a fundación da Ed. Galaxia. Foi tamén o segundo mecenas (despois de Puente) dos tres grandes tomos da Historia de Galiza (1962), dirixida por Otero Pedrayo.
En fin: cómpre ler ó completo este libriño de Rei Lema, de tan só 190 páxinas, para poder valorar na súa xusta medida o enorme labor deste pouco coñecido ‘bo e xeneroso’ que mesmo deixou boa sementeira, pois o seu fillo Perfecto López Romero chegou a formar parte do grupo xuvenil Alén Mar. Oxalá sirva para facerlle algún tipo de recoñecemento público, na Galicia ideal ou na real.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/chema-rei-repasou-a-vida-do-vimiances-perfecto-lopez-mecenas-de-castelao/Artigos de Lema Suárez en QPC
- As outras coincidencias con Sicixia: Da lenda da Buserana á da Serea dos Mariño.
- A longa e teimosa loita polo Conxunto Etnográfico do Mosquetín.
- Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I).
- Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (II).
- A vergonza do abandono, entre toxos e silvas, de catorce dólmens declarados BIC pola Xunta.
- A curiosa prehistoria do fútbol da Costa daqueles anos vinte.
- Costa do Solpor (I): a viaxe de volta da illa do tesouro.
- A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?.
- O mellor edificio da Costa da Morte.
- A Costa da Morte, nai nutricia inesgotable de anécdotas.
- O 12 de abril, a data exacta dos 50 anos da Liga da Costa.
- Reflexións sobre o incencio do Santuario da Barca de Muxía.
- As traducións e a (in)visibilidade da literatura galega.
- A oposición da Xunta aos parques naturais.
- O ascenso, a celebración ideal do cincuentenario do C.D. Baio.
- A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa (II).
- A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa.
- Un accidente por culpa do galego (a realidade supera a ficción, e non vos riades).
- O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a súa infancia en Baio.
- Os haikus de Miro Villar.
- Vítor H. Brandalise, un brasileiro seguindo os pasos do caderno de campo do xeógrafo Domingo Fontán por Galicia.
- As imaxes roubadas das igrexas de Nande e Traba (Laxe): hai interese por evitalo?.
- Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais.
- Finou o vello galeguista Avelino Pousa Antelo.
- Bicentenario da Constitución de Cádiz: actitudes opostas de dous cregos da Costa da Morte en 1812.
Novas sobre Lema Suárez
https://quepasanacosta.gal/lema-suarez-premio-sanmartino-por-toda-unha-vida-adicada-a-normalizacion/- Lema Suárez, Premio da Crítica de Creación Literaria.
- Cheo para descubrir a Ruta Costa do Solpor.
- A Costa do Solpor de Lema Suárez lidera o top-10 das obras narrativas galegas do 2013.
- Xosé María Lema trouxos os piratas de volta a casa.
- Lema Suárez estréase coa súa primeira novela de piratas “Costa do Solpor”.