Non era ningún segredo, pero vela confirmación á unha gran nova. Preocupa na comunidade conservacionista que se divulgue porque hai moito desaprensivo con acceso a veleno e escopeta, pero cómpre valorar que a presenza do lobo nos montes de Bergantiños é unha realidade.
Así o demostrou esta semana Álvaro Gagino, que nunha das súas vixilancias nocturnas por Canduas, ao carón da súa casa, albiscou esta parella de exemplares.
”A paixon pola bicheria venme desde neno e especial a do lobo metiuma meu avó materno no corpo, contándome aqueles cantos de lareira de como o lobo levaba os años das ovellas cando estaban co gando no monte,para un neno aquelo eran historias fantásticas”, explícanos Gagino, que aproveita a tecnoloxía barata para ter 4 cámaras monitorizando a fauna da súa parroquia. Ten visto de todo, e sempre o comparte cos colegas da rede social X.
Pero “coa grabación dos lobos desta semana xa me considero realizado, que conste que xa tiña unha grabación de catro segundos que tódolos indicios apuntaban a que era xa un canis lupus pero non chegaba a verse con nítidade, pero o vídeo desta semana e o cumio”, recoñece satisfeito.
”Podemos dicir que temos uns montes cheos de vida, o lobo como cúspide da pirámide, corzos, xabarins, raposos, xenetas, martas, teixo e infinidade de aves, as máis importantes grabadas sempre refrescándose en auga, como un miñato e un gabián”.
Seguirémoslle a pista a este cabanés que contintuará gozando desta “recomendable afección de cazar animais pero sen mátalos, moi adictivo”.