“Onde hai lobo, non manda xabarín”
Esta semana a Xunta declaraba a “emerxencia cinexética temporal” en 248 concellos (o 80% de Galicia) para cazar xabarín “sen límites”. Unha medida que parecía unha resposta apresurada e pouco reflexiva ante a invasión deste animal salvaxe en zonas da Coruña, apoiando as críticas do grupo popular ao grupo de goberno socialista.
Para as entidades conservacionistas trátase dunha medida que “pon de manifesto a improvisación e o desinterese da Xunta por xestionar a fauna salvaxe con criterios científicos. Aliás de carecer dun censo actualizado da poboación de porco bravo en Galiza e basearse unicamente no incremento das afeccións, a “solución final” da Xunta amosouse noutras ocasións ineficaz para controlar a poboación de xabarín, como tamén sinalaron algúns sindicatos agrarios e mesmo asociacións de cazadores”, sinalan dende ADEGA.
A Asociación ecoloxista aproveita a situación para cruzar datos coa presenza do lobo no país, tendo en conta que a Xunta segue a reclamar a eliminación do estatus de protección do lobo ibérico, aprobada hai un ano, a pesar de falarmos do principal predador natural do xabarín. “A irracional postura da Xunta, que receita chumbo para o xabarín e ao tempo pretende cazar ao lobo, principal predador do porco bravo, ponse de manifesto ao analisar conxuntamente a situación de ambas especies en Galiza”.
É aí onde ADEGA vén de facer un cruzamento de censos entre as zonas onde se contabilizan a meirande parte das 93 mandas reprodutoras de lobos existentes en Galicia, coas zonas onde a Xunta vén de aprobar a “emerxencia cinexética temporal”: “Liberalizar a caza do xabarín e pretender recuperar a do lobo é un sensentido. En xeral, obsérvase que nalgunhas áreas con maior presenza de mandas de lobo, como a Costa da Morte-Xallas (1), centro da Dorsal Galega –Melide e A Ulloa- (2), núcleos de Ancares (3), Courel (4) e Baixa Limia (5) a Xunta non precisou declarar a “emerxencia cinexética” polo xabarín”, explican.
Critican cousas tan básicas como carecer de datos científicos sobre a distribución das piaras de xabaríns antes de tomar medidas tan drásticas.