martes. 02.12.2025
El tiempo

Carballo

O Almanaque 2026 de Carballo rememora 100 anos de historia

Espectacular o vídeo animado creado por Kiko González de Lema coa axuda da Intelixencia Artificial, e coa música de De Ninghures, que acompaña ao Calendario 2026 do Concello de Carballo. No marco do proxecto Carballo na Memoria, o calendario recolle unha colección de fotografías datadas entre finais dos anos 20 e principios dos 30, algunhas delas inéditas. As imaxes forman parte da Colección Loty, custodiada polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

Ángeles Pacoret, e o alcalde, Daniel Pérez
Presentárono onte a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o alcalde, Daniel Pérez.

“A Casa Loty foi fundada no ano 1918 en Madrid por Justin Marie Charles Alberty Jeanneret, un francés que se dedicaba ao comercio de papel fotográfico. A mediados dos anos 20, Charles Alberty e a súa esposa, Concepción López crean un banco de imaxes de varios países destinado a axencias de prensa, publicacións e empresas de turismo que tivo importantes clientes e recibiu numerosos premios a nivel internacional", explicou agradecida Ángeles Pacoret. E tamén que o nome Loty “é o resultado de unir a primeira sílaba do apelido de Concepción López e a última do apelido de Charles Alberty”.

Para esta marca traballaron varios fotógrafos, pero podemos dar case por seguro que o autor das imaxes de Carballo foi o portugués António Pedro Carreta Passaporte, que foi fotógrafo da casa Loty entre 1926 e 1936, e fixo fotografías de monumentos e paisaxes, principalmente para a súa comercialización en tarxetas postais.

Este ano o calendario inclúe as feiras (lembren, o segundo e o cuarto domingos de cada mes, e o quinto cando o hai). Así, a partir de hoxe martes, as persoas interesadas poderán recollelo de balde nos lugares de costume: Museo de Bergantiños, Biblioteca Rego da Balsa e
casa do concello.

 

 

O Almanaque 2026 de Carballo rememora 100 anos de historia