Duras críticas á alcaldesa por asegurar que “a Policía Local non é necesaria en Cee”

O pleno do pasado luns volveu ter tema principal sobre a mesa: As baixas da Policía Local. Foi outro pleno cheo de prepotencia e condescendencia no que a alcaldesa Margarita Lamela chegou a asegurar que “a Policía Local non é necesaria en Cee”.

Insistiu en destacar o custe que supoñen os 7 axentes ás arcas municipais, e mesmo rebelou datos dos días de baixa que levan algúns dos profesionais do corpo, volvendo poñer en entredito as baixas médicas presentadas.

Dende a oposición, o voceiro local do PP Jesús Picallo, critica que os veciños de Cee sufran a “falta de iniciativa” e a “mediocridade” da alcaldesa. Ás palabras de que a Policía Local non é necesaria na vila, Picallo considera que “é unha falta de responsabilidade e de respecto impropia do cargo que ocupa a señora Lamela e pola que debería dar explicacións e pedir perdón”.
“É incomprensible que a alcaldesa, en lugar de asumir a súa responsabilidade para solucionar o problema da falta de efectivos na Policía local, dea a sensación de que conforma coa desaparición dun servizo público de vital importancia para todos os veciños”, concluíu Picallo.

"Non se lle pode trasladar á xente que os traballadores municipais non fan nada", criticaba tamén en pleno o voceiro do BNG, Serxio Domínguez.

A oposición lembrou os últimos casos, como foron o intento de asasinato dun rapaz na Alameda, ou os raiazos que recibiron esta fin de semana 7 coches na vila.

”O baño do Nadal”

O pleno tamén incluíu unha pregunta do PP lamentando o “baño que nos deron outros concellos da volta coa programación de Nadal”. O PP critica que os veciños de Cee sufran a “falta de iniciativa” e a “mediocridade dunha alcaldesa que vive instalada na poltrona da maioría absoluta”.

”Mentres outros municipios da comarca se preocuparon de instalar unha pista de xeo, ter unha iluminación acorde ás datas, contar cun poboado navideño e organizar actividades para os nenos, en Cee quedamos coas ganas”, criticou Picallo.

Máis novas sobre a Policía Local de Cee