O 7 de abril é o Día da Saúde. Poucas veces mellor traída a data, se ben hai colectivos que teñen un acceso se cadra menor á sanidade. De aí que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) reclame o acceso universal á saúde mediante a campaña 12 Chaves da Inclusión.
COGAMI fai un chamamento para que as persoas con discapacidade accedan aos tratamentos de maneira segura e continua, e que os criterios de asignación de recursos e os sistemas de triaxe en situacións de emerxencia que se apliquen pola crise do COVID-19 non exclúan ás persoas por teren unha discapacidade.
Laura Quintas, a coordinadora da Comisión Sociosanitaria de COGAMI demanda un cambio no sistema sanitario actual porque “está centrado nos doentes agudos e non nos doentes con enfermidades crónicas”. Por iso piden:
• Acceso a servizos: as persoas con discapacidade física e orgánica necesitan acceder, en igualdade de dereitos, a todos os servizos, incluída a UCI.
• Acceso a tratamentos: durante o confinamento, necesitamos que os tratamentos das persoas con enfermidade crónica e mobilidade reducida sexan entregados nos domicilios ou depositados nas farmacias máis próximas aos seus domicilios, para evitaren desprazamentos innecesarios.
• Seguridade para profesionais: O persoal que traballa a diario nas residencias nas que viven persoas en situación de dependencia, nas vivendas tuteladas ou que traballan como asistentes persoais ou axuda no fogar deben contar cos EPIS adecuados para poder garantir a eficacia do seu traballo e estaren libres de contaxios.