Venres. 18.06.2021
El tiempo

Jose de Fisterra é o noso protagonista: un rapaz que nos achega, dende as redes sociais, a súa particular fórmula para animar a vida dos demáis.

Jose traballa nun centro para maiores dependentes. Dende fai 15 anos, comeza e remata o seu turno de noite cantando, bailando e repartindo coidados con moito agarimo. Isto é algo que fai dende sempre, e que cobrou especial valor en época de pandemia e illamento social.

FOTO JOSE de Fisterra

Pero Jose tamén reparte ilusión nas redes sociais, con vídeos costumistas que parodian esceas do día a día cun toque fisterrán, na sorna e na fala, que o fai único… Só lendo comentarios das súas seguidoras e seguidores, tales como "Jose alegráchesme o día" ou " Jose, canto me fas rir"... daste conta de que estamos ante unha menciña social que revoluciona o ánimo da xente.

E, falando de revolucións, outra volta que lle deu Jose á súa peculiar habilidade, foi a de utilizar o humor para facer denuncias sociais: concretamente para reivindicar carencias sociosanitarias.

Un dos seus últimos vídeos representa, en menos dun minuto, a importancia de participar na Asociación Pediatras e Matronas XA , convidando a loitar conxuntamente para que tódalas crianzas, familias e mulleres teñan garantido este servizo na Atención Primaria. Así mesmo, a xente agradécelle a Jose que saque forzas para reivindicar dereitos básicos arrancándonos a todos un sorriso nos beizos!

Nunha etapa na que o chamado esgotamento pandémico maniféstase, sobre todo, como desgaste psicolóxico, xorden estes antídotos que xa existían, pero que quizáis non eran suficientemente valorados. Jose move conciencias, arranca ledicia e contaxia forza.

Deixará efectos secundarios a súa vacina emocional? Sen dúbida xa os está a deixar... Porque rir é agora, máis que nunca, un efecto secundario revolucionario!

Cando rir é un acto revolucionario