Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Fisterra

A tensión non baixa no pleno de Fisterra a conta da dedicación da alcaldesa

Segundo pleno de lexislatura e a tensión non decae. Pouco están facendo os grupos políticos para ofrecer plenos máis tranquilos que os do treito anterior da pasada lexislatura, e sobre todo da campaña. Unha campaña na que as acusacións entre PSOE e Alternativa dos Veciños foron constantes, e a pesar do apoio do PSOE á investidura de Áurea Domínguez, como alcaldesa, moito van ter cambiar as tornas para levar unha lexislatura tranquila.

Boa parte da culpa tena a dedicación da alcaldesa, algo que non deixa de sorprender cando debería ser un elemento necesario en cada concello. Este xoves votouse por segunda vez a dedicación do 95% da rexedora, pero o PSOE, ademais do PP, votou en contra (en ambos grupos forman parte da corporación dous exalcaldes que traballaron varias lexislaturas con soldo). O BNG votou a favor desa dedicación, pero recoñece que as posturas entre Alternativa e PSOE teñen que achegarse moito máis se queren unha lexislatura levadeira.

O voceiro do PSOE fisterrán, o ex alcalde Pepe Marcote, lanzou nesta segunda votación un discurso moito máis ácedo en contra da alcaldesa, deixando claro que ou cambian as cousas ou non vai facilitar as cousas.
A rexedora, lonxe de tender pontes, tamén se amosou bastante vehemente, e acusou en varias ocasións a Marcote de querer bloquear o goberno de esquerdas.

Longa lexislatura queda por diante, cun goberno en minoría no que, ou cambia moito a actitude dos Alternativa e PSOE ou van quedar moitas cousas sen saír adiante.

A tensión non baixa no pleno de Fisterra a conta da dedicación da alcaldesa