Un verán de vertixe cultural para a familia do Quinteiro
Ten un completo programa para este verán a familia do Quinteiro de Buño. Xullo e agosto veñen cargados de actividades culturais de primeiro nivel.
Así, esta fin de semana, este venres 3 de xullo haberá xornada de música tradicional, con Icía Varela & Haruna Chatani & Yonisi. A cita, que será ás 21:30h no Parque de Alén, será de de balde, haberá servizo de bar e polo á grella.
Yoshimi é unha intérprete xaponesa especializada na frauta tradicional de bambú xaponesa. A través da delicadeza e expresividade do seu instrumento, achega ao público a riqueza da tradición musical do Xapón, participando en proxectos que fomentan o diálogo entre culturas a través da música.
Haruna Chatani é unha música xaponesa que interpreta instrumentos tradicionais do seu país, como o kōto, combinándoos tamén con instrumentos da tradición galega como a gaita e a pandeireta. O seu traballo artístico nace do encontro entre Galicia e Xapón, creando pontes entre ambas culturas mediante a música.
Icía Varela é cantareira galega e divulgadora da música tradicional. A través do canto popular, participa na conservación e transmisión do patrimonio musical de Galicia, colaborando en proxectos que promoven o intercambio cultural e o diálogo entre tradicións de diferentes lugares do mundo.
Xuntas ofrecen unha proposta artística singular na que as sonoridades tradicionais de Galicia e do Xapón se atopan para crear unha experiencia musical chea de sensibilidade, respecto polas raíces e espírito de encontro.
Máis citas
As citas continúan o sábado 11 de xullo, cunha Festa Ochenteira e exposición de coches clásicos, amenizada polo Grupo Retotrool e Dj. Grobas. Haberá servizo de bar e hamburguesas.
O sábado 18 de xullo hai un faladoiro sobre xoguetes e enredos tradicionais. Será ca presentación do proxecto, e do libro "Patrimonio Lúdico Galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais" do Observatorio de Patrimonio Lúdico Galego e Apolinar Varela. Ecomuseo Forno do Forte de 11:30 a 13:30 h.
Xa o 7 de agosto chega o prato forte, ca II edición do Festival Folk de Buño, aínda por determinar o cartel. Tamén estamos á espera das festas da Filomena, para os 8 e 9 de agosto. E o 12, para pasar a tardiña co eclipse, traen ao grupo de zanfoñas e música electrónica “Maqúina de meter medo”.