“Os profesionais da pirotecnia non somos uns pirómanos”
Comeza a tempada de verán, primeiro lume á vista, e xa comezan a rondar os primeiros bulos sobre as posibles causas. Esta mesma fin de semana, un conato de lume no Santo Hadrián, coincidindo coas festas, xa provocou as primeiras saídas de ton nas redes sociais, mesmo de responsables políticos que non confirman as súas opinións antes de soltalas.
Reaccionaba, tamén trala aprobación das novas ordenanzas de Vilagarcía e Padrón, onde se prohibirá o uso de fogos artificiais en épocas de alto risco de incendio, a Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos (AGIP), enviando unha dura nota de prensa na que denuncia a “deriva restritiva e arbitraria” aplicada por estes concellos. A principal entidade do sector en Galicia considera que as medidas “son dunha hipocrisía intolerable” porque “alentan a prohibición de espectáculos de escasa duración, anunciados e perfectamente localizados e que non xeran risco real, coa única finalidade de buscar un recoñecemento mediático e transmitir unha imaxe de suposta responsabilidade, mentres teñen abandonado o rural e os montes sen limpar”.
Comentamos a situación con Carlos Abelenda, de Abenova Group, distribuidor oficial de Pirotecnia López SL na Costa da Morte. O “fogheteiro de Bergantiños” trata de desmontar, en base a datos e ás normas, os clásicos bulos que a xente utiliza para criminalizar a práctica historicamente arraigada da cultura popular galega.
”A xente moitas veces fala sen saber, entre os que me gustaría destacar ao concelleiro de Malpica Alfredo Cañizo, unha cousa é unha ola de calor e outra é o índice de risco de incendio, que é o que nos atangue, o Mapa IRDI (Índice de risco diario de incendio forestal. Onte, por exemplo, en Malpica estaba en nivel “moderado”, e a única prohibición que existe é cando está en nivel “extremo” (aínda estaría polo medio “alto” e “moi alto”) e con incidencia forestal, isto é que estás a menos de 400 metros de distancia do monte”. explica. “Moitas veces parece que nós poñemos as bombas “ao tolo” ou que somos uns pirómanos, e a realidade é que temos unhas normas moi restritivas que cumprimos relixiosamente”.
En relación ás medidas de seguridade, Abelenda engade que “os materiais cos que están fabricados os elementos pirotécnicos son ignífugos e superan ensaios de reacción ao lume antes ser considerados válidos para empregar”.
”Datos fronte a mitos”
Carlos Abelenda lembra, por exemplo, o Real Decreto de Artículos Pirotécnicos y Cartuchería aprobado polo Real Decreto 989/2015 (BOE) ou a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, “documentos que recomenda ler ao señor Cañizo antes de facer demagoxia en redes sociais”. E ofrece, apoiado na AGIP, datos coma este: “O sector profesional queima pólvora en Galicia en máis de 10.000 disparos anuais e no 2025, ‘ano negro’ nos montes galegos con 118.966 hectáreas arrasadas polas lapas, a pirotecnia provocou un 0% dos incendios forestais, segundo as estatísticas oficiais”.
“As Brigadas de Investigación de Incendios Forestais da Xunta (BIIF) ratificaron que entre o 70% e o 80% por cento dos incendios foron intencionados e criminais”. “O repaso das estatísticas oficiais da Consellería do Medio Rural e as memorias da Fiscalía de Medio Ambiente, deixa claro que a incidencia da pirotecnia nos incendios forestais é practicamente nula”, conclúen.
Recoñecen que ten habido algún susto, pero que “cando ocorre algún incidente, na práctica totalidade dos casos trátase de conatos que non superan a barreira dunha hectárea”, apunta AGIP.
”A doble moral do ruído: quince minutos fronte a días de verbenas”
Vai máis alá a AGIP. “O argumento do ruído e as molestias a persoas sensibles ou animais para prohibir os espectáculos pirotécnicos, é un insulto á intelixencia e un dobre raseiro intolerable”. E explica esta afirmación: “Un espectáculo pirotécnico profesional ten unha duración escasa, de non máis de dez ou quince minutos; e celébrase nun día, hora e lugar perfectamente acoutados e informados con semanas de antelación”. “Isto permite que persoas con hipersensibilidade ou os donos de mascotas poidan planificar o seu tempo, evitar o lugar concreto durante ese breve intervalo e así non ter calquera tipo de molestia”, sinala AGIP.
Pola contra, segundo informa a Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos, “eses mesmos concellos que prohíben os foguetes, manteñen verbenas populares, concertos e atraccións de feira que emiten elevadísimos niveis de ruído durante cinco ou seis horas seguidas, principalmente en horario nocturno e de madrugada, e ao longo de varios días consecutivos, sen que ningún alcalde se preocupe polo benestar dos veciños sensibles ou dos animais, simplemente porque e máis doado e xera menos problemas prohibir a pirotecnia”, continúa sinalando esta asociación que defende o sector pirotécnico galego.
Abelenda remata: “O uso de pirotecnia está perfectamente regulado e con estritas medidas de seguridade para, entre outras cuestións, evitar que se produzan sinistros que poidan derivar en incendios forestais, medidas que son eficaces á vista dos datos reais das causas de incendios forestais desde 1991 en adiante (data a partir da que se conta con estatísticas oficiais detalladas).”