Venres. 26.04.2024
El tiempo

Laxe

Cando petan na porta pola noite: “Happening neomedieval do venres santo en Laxe”

Un grupo de veciñas, algo asustadas polo acontecido a pasada noite santa nas rúas de Laxe, envíanos esta singular carta.

“Happening neomedieval do venres santo en Laxe”

Laxe, once da noite. No medio da zona vella baleira e silenciosa, de repente dúas voces enlatadas entoan o “Danos señor, buena muerte…” de cada venres santo. Hostia!
“Danos señor, buena muerte,
Por tu santísima muerte.”
Nas habitacións, nas cociñas, nos salóns, desde as camas, desde os sofás, desde os escritorios, a veciñanza escoita en bucle:
“Danos señor, buena muerte,
Por tu santísima muerte.”
Parece a Santa Compaña desafinada, pero non.
Esa megafonía que circula polas rúas é a “procesión” do rosario da Boa Morte, ou de la Buena Muerte, porque a igrexa en Laxe fala a lingua do Imperio.
Esta performance tétrica, macabra, escurantista, de pésimo gusto co que estamos a vivir e a sufrir neste último mes, non absolve a ninguén.
O cántico, ese lúgubre memento morti emitido por megafonía desde un vehículo de Protección Civil escoltado pola policía local, entrou sen petar nas portas nin pedir permiso nas nosas vivendas, nos nosos corazóns, provocando unha angustia innecesaria, cruel, nestes momentos de confinamento.
Tradicionalmente, aceptamos esta procesión que celebra a igrexa, facendo uso dos recursos e dos espazos públicos, como unha manifestación relixiosa máis que respectamos en nome dunha maioría (?) de crentes católicos, tendo a opción de participar ou non dela. Pero o do venres foi unha imposición lamentable.
Considerando o contexto social actual, tendo en conta a diversidade que existe en canto a ideas e sentimentos relixiosos, quixéramos solicitar ás altas instancias (e aos fieis, en xeral) que estas celebracións sexan máis discretas, se cadra celebrándose de xeito privado, xa que a cuestión relixiosa é unha opción persoal que pode procurar consolo a uns, pero incomodar e
ferir a outros. Que tamén existimos. E aturamos.

  • O Sindicato de Infieis e Apóstatas de Laxe
Cando petan na porta pola noite: “Happening neomedieval do venres santo en Laxe”