Falabamos con ela en pleno confinamento, e por fin, a pesar de todas as restricións, puideron saír e poñerse a gravar. Onte presentaba na rede Icía Varela a súa nova creación coa banda Arredores, esa fusión de tradición e vangarda que une a súa fermosa voz coa música de Andrés Rodríguez Boutureira e, agora, coa percusión de Brian Rodríguez Pardiñas.
De feito, este “Ortigueira” é o primeiro single que gravan dende que comezou a pandemia e o primeiro tema que compoñen dende a chegada de Braian á banda. Por iso, a ocasión é doblemente especial para eles. “Para nós ten moitas connotacións especiais, e queremos que para vós tamén o sexa, que “Ortigueira” resoe en vós con tanta forza e agarimo como co que foi creada”, cóntanos a autora da melodía e a protagonista ao micro.
Precisamente “Ortigueira” naceu “cando toleabamos por saír e por recuperar a nosa vida normal”, un fermoso xeito de demostrar as gañas que terían de ir ao mítico festival como público, ou quen sabe cando, a tocar!