Sábado. 08.08.2020
El tiempo

MALPICA

Icía Varela baila co mar polos Arredores de Cerqueda

Ían debutar no Casino1889 de Carballo o pasado 18 de abril. Pero o coronavirus tirou pola borda a súa estrea. Pero o dueto Arredores non descansa, e aproveitou a corentena para gravar unha peza singular.

”Bailando co mar” nace na ribeira de Cerqueda, cunha guitarra e unha voz, a de Icía Varela, a nova moza cerquedá que recolle a herdanza da activa cultura tradicional desta singular parroquia malpicá para levala aos novos sons.

Faino con Andrés Rodríguez Boutureira, un rapaz de apenas 16 anos de Guísamo (Bergondo). Ambos formaron este dueto coa cerquedá durante unha viaxe ao festival de Lorient, cando a morriña de estar lonxe da terra os invadiu, e nunhas escaleiras con moito eco lembráronlle as voces das bravas mulleres do seu lugar.

”Armonizamos cun toque contemporáneo as músicas das pandeireteiras de Cerqueda con esas voces tan duras, tan fortes, tan da terra, con eses golpes tan fortes das pandeiretas; e tamén as músicas dos gaiteiros da Mariña. Queremos levar o tradicional un pouco máis alá para que se adapte ao contemporáneo, innovando pero sen esquecer a escencia da música tradicional”, explícanos Icía.

Ao seu carón, e pensando nesa xira de concertos que tiñan prevista e que esperan retomar cando todo remate, estará, recén chegado, Brian Rodríguez Pardiñas, que acompañará ao dueto en concertos.

A canción está composta completamente por nós coa morriña que nos transmite o mar, o seu olor e o seu son. Foi gravada íntegramente cada un desde a súa casa neste confinamento. Tocala nestes momentos transmítenos a liberdade (a pesar de atopármonos xa moito tempo recluídos). A liberdade de estar xunto ao mar, a liberdade de respirar o salitre, a liberdade de sentirnos ceibes. O tema fala dunha bailadora que expresa unha forma de deixarse levar. Bailar como vía de relaxación ou como forma de desconexión. Así nace esta canción, como forma de desafogue para nós. De expresar os nosos sentimentos e deixarnos levar (sobre todo, nestes intres tan duros para todos). A letra é de execución propia con influencia das coplas populares tradicionais galegas (ao seren descoñecida a súa orixe e o seu autor son coplas anónimas). Aínda que algunha das coplas teñen influencia do lugar de Cerqueda, Malpica de Bergantiños.

É o segundo tema que presenta, despois deste Atalaia.

Música costeira de corentena

Icía Varela baila co mar polos Arredores de Cerqueda