Este pasado venres celebrouse un novo pleno no Concello de Muxía. Un pleno de 3,5 horas, ao que se achegou unha parte da veciñanza de Suxo cunha pancarta pedindo solucións á auga da traída. O pleno volveu convertirse nun circo de insultos, de condescendencia e descalificacións persoais e ás 0:00h da noite houbo que rematar deixando sen tratar os puntos das Rogos e Preguntas, e as mocións de Urxencia polo ROF.
A segunda fase Auga da traída Suxo si que saíu aprobada na modificación de crédito proposta polo PP, pero a veciñanza saíu do pleno pedindo "menos falar e máis obrar". Os puntos sen tratar quedarán para a orde do día do pleno seguinte:

Gastando o remanente
O pleno, entre monólogos e discursos cheos de xenreira, tratou a aprobación do Plan de Obras de Servizos da Deputación. Un POS que será destinado na súa totalidade (290.000 euros) a gasto corrente, igual que unha modificación de crédito solicitada de 700.000 euros. Unha situación grave para o BNG, que considera “que os cartos do POS e do remanente deberían de destinarse a financiar servizos e obras municipais de urxente acometida”, e que “supón unha merma importante do remanente destinado a gastos que terían que ser afrontados polo orzamento de 2023”.