Luns. 20.05.2024
El tiempo

O Club Sysca, subcampión de España Junior

Familia do SYSCA Carballo no Campionato de espana de Salvamento
O Club Sysca, subcampión de España Junior

O Sysca Club puxo fin á tempada de piscinas 2023/24 coa disputa do Open Internacional e o Campionato de España de Primavera das categorías xuvenil, júnior e absoluta. O conxunto carballés regresou da competición celebrada a pasada fin de semana, do 3 ao 5 de maio, na piscina Esperanza Lag, de Elxe, con grandes resultados. Os deportistas júnior puideron repetir a boa actuación do ano pasado, que lles permitiu converterse en subcampións de España e subir ao podio nacional por segunda edición consecutiva.

Para disputar o campionato na localidade de Elxe, o club contou cunha expedición formada por trece deportistas: Raquel Suárez, Sara Puñal, Álvaro Lavandeira, Joel García, Carla Padín, Sara García, Andrea Goimil, Paula Ferradás, Manuel Souto, Anxo. López, Ricardo Mouro, Joaquín Mouro e Gabriel Rodríguez, todos eles acompañados polo seu adestrador, Diego López.

A nivel individual, destaca a incrible actuación de Andrea Goimil. A deportista júnior logrou ser campiona de España en dúas ocasións, nas probas de 50 metros remolque e 100 metros combinados, batendo a marca galega de ambas. Tamén hai que engadir a medalla de prata que obtivo nos 100 metros de socorrismo, que lle queda a dúas décimas de sumar outro ouro á colección.
Ademais, Paula Ferradás, Raquel Suárez e Sara Puñal conseguiron quedar entre as dez mellores das súas respectivas categorías en varias das probas celebradas.

En canto aos rapaces, Gabriel Rodríguez bateu a marca galega dos 100 metros de remolque con aletas, rematando a proba na sétima posición. Joel García, Álvaro Lavandeira, Anxo López e Manuel Souto tamén lograron rematar entre os quince mellores socorristas en varias probas, completando unha boa actuación xeral durante toda a fin de semana.

Nos relevos, as rapazas tiveron unha participación moi destacada. Na proba de trailer de maniquí júnior 4x25, o cuarteto formado por Sara García, Raquel Suárez, Andrea Goimil e Paula Ferradás rematou en primeira posición e superou ao
récord nacional. Ademais, quedaron campións no relevo 4x50 combinados e nos relevos de corda junior e absoluto, sumando un bronce no relevo de corda xuvenil. Os rapaces tamén estiveron preto das medallas, rematando a escasos segundos en varios dos relevos. A estes resultados hai que sumar a segunda posición acadada polo relevo mixto júnior.

Tras o regreso do Elxe, o club xa está a pensar nos obxectivos a cumprir nas seguintes competicións. Non teremos que esperar moito, xa que esta fin de semana terá lugar a segunda xornada da liga de augas abertas para todas as categorías, na praia de Silgar, en Sanxenxo.

Comentarios