Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O Comercio local mergúllase na segunda edición do "Eu merco na Laracha"

2024.05.16.- Presentación Eu merco na Laracha
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, xunto á axente de emprego e desenvolvemento local, presentaron a iniciativa
O Comercio local mergúllase na segunda edición do "Eu merco na Laracha"

O Concello da Laracha volve mostrar o seu compromiso coa reactivación económica do pequeno comercio local poñendo en marcha a segunda edición de "Eu merco na Laracha", na que o Concello vai destinar 40.000 euros.

Consistirá nunha campaña de bonos que se porán a disposición da cidadanía larachesa para empregar nos establecementos e servizos adheridos, subvencionando deste xeito as compras desde o Concello. Así, fortaleceranse os negocios locais e fomentarase o consumo de proximidade nos sectores comerciais, hostaleiro, cultural, educativo, salóns de peiteado e beleza, taxis, etc.

O rexedor municipal explicou que a campaña ten múltiplos obxectivos complementarios entre si, porque ao mesmo tempo que se fortalecen e se poñen en valor os negocios e servizos locais, benefíciase a economía da veciñanza e foméntase o consumo de proximidade.

Pola súa parte, Rocío López detallou que o formato de presentación dos bonos, do mesmo xeito que no ano pasado, serán chequeiras por valor de trinta euros que conterán tres bonos de dez euros. Cada un deles será independente e poderase empregar para descontar por cada gasto de vinte euros nas compras, consumos ou servizos nos establecementos ou actividades adheridos (por vinte euros de gasto descontaríase un bono, por corenta euros, dous, e por sesenta euros, tres). 

Haberá un total de 1.330 chequeiras a disposición da veciñanza. Poderán ser solicitadas ata o 30 de maio por calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha e que sexa maior de 18 anos de idade na web eumerconalaracha.alaracha.gal/. No caso de que se rexistren máis solicitudes que bonos dispoñibles, para adxudicalos faríase un sorteo mediante un sistema electrónico de elección automática e aleatoria. Os bonos poderanse empregar entre o 10 e o 30 de xuño.

No caso dos establecementos comerciais e responsables de negocios e servizos laracheses que desexen sumarse ao programa, tamén deben inscribirse con data límite 30 de maio.

Comentarios