Domingo. 05.05.2024
El tiempo

A VII Carreira Pedestre Concello de Mazaricos celébrase o domingo 5 de maio

Correndo pola Costa da Morte Mazaricos
A VII Carreira Pedestre Concello de Mazaricos celébrase o domingo 5 de maio

Mazaricos celebrará o domingo da semana que vén, 5 de maio, a sétima edición da Carreira Pedestre Concello de Mazaricos, integrada no circuíto de carreiras populares Correndo pola Costa da Morte. As inscricións para esta proba atópanse abertas ata as 23:59h do vindeiro martes, 30 de abril.

A proba terá lugar dende as 10:30 da mañá do domingo 5 na Picota. Esta edición estará amadriñada pola atleta mazaricá Rocío Alvite. Contará con varias categorías divididas entre as probas Pitufos, sub 10, sub 12, 3k absoluta, 3k sub 14-16-18 e 10K. A inscrición, que pode efectuarse na web www.correndopolacostadamorte.com, ten un custo de 8 euros máis un euro de alugueiro de chip. As categorías base teñen a inscrición gratuíta.

A categoría sub 12, para a rapazada nacida en 2013 e 2014, será a que máis cedo comece, coa saída da carreira ás 10:30h. Percorrerán un quilómetro de circuíto. Posteriormente, ás 10:45h, sairá a categoría sub10, de nadas e nados entre 2015 e 2016. O trazado da súa carreira tamén será de 1.000 metros. A continuación, ás 11 en punto, darase á saída á categoría Pitufos (nenas e nenos nacidos entre 2017 e 2021). Correrán entre 100 e 300 metros de distancia.

As dúas probas de 3K partirán despois, con escasa separación entre ambas. Ás 11:15 daráselles a saída ás corredoras e corredores de 3K absoluta contra o cancro, cuxa recadación se destina un ano máis á loita contra estas doenzas. Participarán nesta categoría atletas nacidas e nacidos antes de 2006 ou nese mesmo ano. A continuación, ás 11:17, partirán as categorías sub 14 (nadas/os de 2011 a 2012), sub 16 (2009-2010) e sub 18 (2007-2008) da modalidade 3K.

A última carreira será a de 10K para corredoras/es sub 20 (nadas/os entre 2005 e 2006), sub 23 (2002-2004) e sénior (persoas que naceron entre 1990 e 2001). Tamén competirán nesta proba as categorías Máster 1 (1984-89), Máster 2 (1974-1983), Máster 3 (1964-1973) e Máster 4 (persoas nacidas antes de 1964). A saída será ás 12h.

Comentarios