Os peques de Cee visitan o barco de Salvamento e os de Carballo traballan no horto ecolóxico


Imos de Carballo a Cee cos peques da Escoliña e do Campus Xiria para ver como vai o verán. E debe ir ben vendo as caras destes cativos.
Paramos primeiro no peirao de Brens pois o pasado venres foi un día moi especial para as crianzas da Escoliña porque foron a visitar o Remolcador de Salvamento Marítimo, o barco encargado de salvar outros barcos!
Todas e todos tiñan curiosidade por velo tan de cerca e quedaron coa boca aberta. Baixou o capitán a saudar á pequena expedición, e entre todos lle berraron aos tripulantes un gran “Ola Mariñeirosss!!” que resoou en toda a ría.
Foi a primeira saída con compañeiras e compañeiros, e xa están desexando que chegue a semana que vén, pois toca unha divertida visita ao mercado, o Concello, e a Casa da Cultura ceense, un xeito de coñecer o seu pobo.

Por Carballo, de horta infantil

Mentres, o Horto Infantil Ecolóxico de Carballo sae de novo das instalacións da rúa Nardos para seguir acondicionando novos espazos en distintos puntos da capital municipal. Desta volta, ademais, coa colaboración dos nenos e nenas que participan nas Escolas de Verán de Balonmán Xiria, xa que serán elas e eles os que acondicionen un xardín de herbas aromáticas na contorna do Fórum Carballo, xusto debaixo dunha das paredes do mural de Aritz para o Rexenera Fest.
O novo espazo realizarase coa axuda de rodas de camións e de turismos que se reciclarán para crear uns maceteiros que se encherán de terra para que podan comezar a plantarse as herbas. O obxectivo deste novo xardín é que poida ser usado polo alumnado da Escola de Cociña e Hostalería do Fórum, e estará deseñado con todas as medias hixiénicas necesarias para que os usuarios e usuarias das instalacións saian directamente a través duns taboleiros e recollan as herbas que precisen para elaborar os seus pratos, sobremesas, bebidas, etc. cumprindo con todos os requirimentos sanitarios. Os nenos e nenas comezaron o pasado xoves 9 pola mañá co seu labor, baixo un calor algo abafante que non impediu que acondicionasen con entusiasmo o novo bancal coa terra necesaria para poder colocar logo as "rodas-maceteiro”.
Os nenos e nenas das Escolas de Verán colaboran co Horto os luns e os xoves de cada semana, e seguirán acudindo ao Fórum ata que o novo xardín estea completamente rematado. Despois, retomarán o seu traballo na rúa Nardos.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).