xoves. 19.02.2026
El tiempo

As familias do IES Agra Raíces din "basta" e denuncian á Xunta por denegar o persoal aprobado polos seus propios técnicos

comunidade escolar do IWS Agra Raices
imaxe dunha concentración da comunidade escolar do IES Agra Raices
As familias do IES Agra Raíces din "basta" e denuncian á Xunta por denegar o persoal aprobado polos seus propios técnicos

A Consellería de Educación chega a incongruencias tan graves como as que sofre a comunidade escolar do IES Agra Raíces. Os técnicos avalan a dotación de máis persoal de apoio ás necesidades educativas específicas, pero a Consellería non aproba as prazas aprobadas polos seus propios técnicos.

Unha situación que, tras medio curso de loita, desespera ás familias do centro: "Non nos van cansar nin a calar. Cando a administración nos dá 2 mazás para 65 nenos e nos culpa de non saber repartilas, o sistema está podre".

Así se amosa a Asociación de Pais e Nais (ANPA) do IES Agra de Raíces que dá un paso adiante para dicir "basta". Tras meses de escritos, reunións e reclamacións sen froito, as familias decidiron denunciar publicamente o que consideran "un atropelo democrático e unha vulneración flagrante do dereito á educación". 

Despois de superar a metade do curso escolar en pé de guerra, a ANPA mantense firme. "O que reclamamos está xustificado, e aínda que eles cos seus sistemas pouco democráticos queiran facernos render por esgotamento, non o van conseguir", aseguran dende o colectivo de pais e nais.

Unha "Comisión Pantasma" tumba a realidade validada pola Xefatura Territorial

O caso do especialista en Audición e Linguaxe (AL) converteuse na proba palpable do que as familias cualifican como "unha maquinaria deseñada para denegar dereitos". O centro contou con este profesional durante os últimos tres anos, pero este curso, a pesar do incremento do alumnado con necesidades, o recurso foi suprimido.

O proceso administrativo descrito pola ANPA expón a arbitrariedade do sistema: o Centro Educativo xustificou a necesidade nun informe técnico completo; a Inspección Educativa validou dita petición; e a propia Xefatura Territorial deu o seu visto e prace. Con todo, tras superar todos os filtros profesionais, a solicitude foi bloqueada pola denominada "Comisión de dotación de recursos con carácter excepcional".

Este organismo actúa como un "ente opaco" que aplica recortes sen ofrecer criterios pedagóxicos. De feito, segundo nos informan, o centro educativo non recibiu en ningún momento unha comunicación oficial sobre a denegación nin os motivos técnicos da mesma, deixando á comunidade sen argumentos que xustifiquen por que se ignora unha necesidade xa validada. "Sentímonos enganados. ¿Como é posible que esta comisión teña máis peso que a dirección, a inspección e a xefatura xuntas sen nin sequera dar unha explicación?", denuncian dende a ANPA.

A "matemática absurda" da Consellería: 0 mazás para 65 nenos

Dende a asociación critican que a Consellería se escude en que a inclusión é 'tarefa de todo o profesorado' para non enviar especialistas. Para a ANPA, "isto é unha trampa para desviar a responsabilidade cara aos centros". A lei di que os profesores ordinarios deben implicarse, pero o alumnado con necesidades (NEE e NEAE) ten dereito a ser atendido por técnicos especialistas (PT e AL). Un profesor de matemáticas non pode substituír o traballo especializado destes profesionais; sen eles, a inclusión simplemente non existe.

"Pedirnos optimización nestas condicións é un absurdo cruel", afirman as familias. "É como se tes 65 nenos ou nenas con fame e a Consellería che manda 2 mazás para repartir. E cando nos queixamos de que non chega, dinnos que o problema é que o profesorado non sabe cortar ben a froita. O máis grave é que, no caso do especialista de AL, mandaron 0 mazás e seguen insistindo en que se repartan ben. É unha trampa para culpar aos docentes da incompetencia da Administración".

A Valedora, mero 'correo' de Educación

Na súa busca de amparo, as familias acudiron á Valedora do Pobo, atopando o que describen como un "muro burocrático que lexitima o abuso institucional". A ANPA sinala que, segundo a información trasladada pola Asociación Paseniño (entidade con longa traxectoria na defensa da diversidade), exsite un patrón que se repite de xeito "aberrante".

O procedemento denunciado segue sempre os mesmos pasos: as familias presentan a reclamación; a Valedora admite a trámite a queixa recoñecendo indicios de vulneración; solicita información á Consellería; esta responde cun informe asegurando que os recursos son suficientes. A Valedora pecha o expediente sen solicitar información ao centro nin ás familias implicadas, preguntando exclusivamente á parte que comete a neglixencia. Finalmente, limita o seu labor a reproducir esa resposta oficial sen realizar unha investigación de campo nin un contraste real.

"A Valedora converteuse nunha mera oficina de correos da Xunta. Se a defensora do pobo se limita a preguntar ao agresor se o está facendo ben, e o agresor di que si, e con iso pecha o caso, acabouse o respecto dos nosos dereitos", lamentan dende a asociación.

Unha chamada de auxilio dende a Costa da Morte

Dende a ANPA do IES Agra de Raíces lanzan un aviso ao resto da sociedade galega, advertindo de que esta xestión da educación pública como unha "empresa de baixo custo" acaba convertendo aos alumnos en números.

"Queremos que a sociedade saiba como está a situación. Hoxe son os nosos fillos e fillas, pero mañá tocaralle a outros", advirten. As familias aseguran que non se van deter, pois consideran que o que está en xogo é o futuro dos rapaces e repazas e a propia calidade do sistema democrático. Por todo iso, esixen a transparencia inmediata nas comisións de asignación e a dotación dos recursos que foron tecnicamente validados pero politicamente denegados.

Comentarios