xoves. 01.05.2025
El tiempo

A Confraría de Malpica pide compromiso a todo o sector para saír adiante

A Confraría de Malpica pide compromiso a todo o sector para saír adiante
Así amencía o pasado venres a Casa do Pescador de Malpica Así amencía o pasado venres a Casa do Pescador de Malpica A pasada semana a Casa do Pescador da Confraía de Malpica sufría unha crúas pintadas . Unha declaración de guerra ante a grave crise que sofre a entidade. En todo caso, a xunta directiva da Confraría de Pescadores de Malpica, tras os feitos acaecidos o venres, quere facer unha aclaración e envía esta carta para que sexa publicada integramente:

Carta da Confraría de Malpica


Condenar de forma enérxica e amosar o noso rexeitamento aos actos vandálicos sufridos na Casa do Pescador, a cal apareceu danada con pinturas en contra desta xunta directiva, xurdidos de quen só sabe usar a violencia como protesta e polo tanto, precisa escudarse nun acto “revolucionario” máis típico da adolescencia, que de quen sabe defender os seus ideais aportando ideas, solucións e traballo, os cales estaremos encantados de escoitar e valorar, sempre que se fagan desde o respecto e de xeito democrático. De feito, todos os cofrades teñen  uns dereitos e deberes recollidos non só nos estatutos da propia confraría, senón a través do real decreto emitido pola Consellería do Mar que nos regula e que calquera cidadán e cofrade pode consultar, xa que están expostos de forma PÚBLICA e TRANSPARENTE. Cremos firmemente que estes actos non só danan o patrimonio dos mariñeiros, senón de todo o pobo malpicán, así como a propia imaxe que ofrece a vila ante os medios de comunicación, o cal pode repercutir de xeito negativo en moitos ámbitos e non só a confraría, xa que incluso o Bar Pescador foi obxecto da actitude cobarde destes actos. Con isto, non van conseguir meternos medo nin provocar a nosa dimisión, senón todo o contrario, coller máis folgos para seguir loitando por salvar a situación da confraría e demostrarlle a quen depositou a confianza nesta xunta directiva, que está capacitada para levar a cabo as medidas necesarias para que esta se manteña a flote e siga estando dispoñible para todos os mariñeiros. Cremos que é posible saír desta situación, sempre e cando o sector aposte por ela e por iso o imos intentar con todas as nosas forzas, tal e como levamos facendo dende que saímos elixidos democraticamente. Tamén queremos agradecer o apoio que nos brindaron as nosas familias, así como pedir respecto para eles, facendo fincapé en que todos somos pais de familia, con fillos menores de idade e cremos que estas actitudes só crean un clima de violencia e tensión que non axudan a resolver a difícil crise que atravesa a confraría. É hora de sumar, aportar e traballar, e non só por parte desta xunta directiva, senón de todo o sector pesqueiro e de quen coma nós, busque mellorar Malpica, porque cremos que a confraría non é só patrimonio dos mariñeiros, senón de todo cidadán malpicán, posto que se unha vila é mariñeira, arredor da actividade pesqueira e da confraría, xurdirán novas vías de negocio que repercutirán positivamente en todos nós, dende oportunidades de emprego ata outras canles de ocio e servizos que nos beneficiaran de xeito común. Esta xunta directiva non se move só polo sector pesqueiro, senón porque cre firmemente en que mellorar as condicións dos mariñeiros, traerá consigo melloras para o noso pobo e buscamos o beneficio común, posto que as confrarías naceron con ese fin, ser unha entidade sen ánimo de lucro dispostas a mellorar a vida dos mariñeiros e dos seus pobos.
 Deste xeito, queremos tamén desmentir publicamente que a Casa do Pescador estea en venta ou vaia a ser vendida. EN NINGÚN MOMENTO esta xunta directiva acordou tal proposta, nin está contemplada no plan de viabilidade que se está levando a cabo nin o estará. Queremos deixar claro que a Casa do Pescador pertence ao pobo de Malpica PARA SEMPRE e debe ser un ben público, xa que para iso foi fundada. Polo tanto, recomendamos a certos partidos políticos, independentemente das súas siglas, que no lugar de intentar sacar un rédito electoral da situación de crise que atravesa a confraría facendo certas publicacións nas súas redes sociais e nos medios de comunicación, creando rumores infundados que conlevan un malestar xeral no pobo e unha preocupante alarma social, e só axudaron a crear máis problemas, aporten. Non entraremos no xogo nin queremos ser tratados como mercancía electoral, xa que se está xogando co futuro da vila, dos mariñeiros e dos traballadores, que teñen familia. Xente que vive por e para a pesca, e iso está moito máis por enriba de calquera artigo con foto política nun xornal. 
Por último, entendemos e compartimos o malestar do sector ante as medidas drásticas que se teñen que levar a cabo se queremos que a confraría sexa viable, porque nós mesmos as sufrimos como armadores das nosas embarcacións tamén, pero son as necesarias para que isto teña futuro e poda servir para as xeracións vindeiras. Os nosos ancestros, con menos recursos e máis necesidades ca nós, conseguiron fundar unha confraría a base do compromiso, solidariedade, apoio mutuo e traballo común. É tremendamente complicado tentar sacar isto a flote se non contamos co apoio de parte do sector tal e como está ocorrendo e non nos deixan traballar.
 Por sorte, o pouco apoio que atopamos no sector, devólveo con creces cada un dos traballadores que forman parte da confraría. Non temos máis que palabras de agradecemento para eles, porque nestes últimos anos nas que a situación é crítica, traballaron, colaboraron, apoiaron e compartiron as súas ideas con todos nós, a pesares de que tiveron, teñen e seguramente terán mensualidades pendentes no caso de que o sector non queira comprometerse e aposte pola súa propia confraría. Por iso, todos eles amosaron paciencia e comprensión e tamén senten como propia a confraría, polo que xa non só esta xunta directiva, senón todo cofrade debería estar agradecido, xa que teñen nas súas mans o futuro da entidade e aínda así, confian en todos nós como sector para que nos unamos e levemos isto a flote entre todos. 
Por iso lle pedimos a todo Malpica e sobre todo aos cofrades, que reflexionen sobre o futuro que queren para a súa vila e os seus fillos. Se queren unha confraría na que poder desenvolverse e crear futuro no rural, ou se pola contra prefiren deixar esmorecer todo aquelo que naceu da unión e do traballo duro dos máis vellos e iso antóxase difícil se os propios cofrades non apostamos por darlle un pulo a nosa lonxa local realizando as vendas nela, xa que o principal problema desta confraría, foi a diminución de ingresos por vendas, polo que manter os servizos actuais, que veñen sendo os mesmos de hai 20 anos, cando Malpica era unha lonxa punteira en Galicia, é economicamente inviable.
  • Xunta Directiva da Confraría de Malpica
 

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Comentarios